175 ANIVERSARIO DE ROSALÍA DE CASTRO
MAIS VÉ QU'O MEU CORAZÓN
Mais ve qu'o meu corazon
É un-ha rosa de cen follas,
Y é cada folla un-ha pena
Que vive apegada n'outra.
Quitas un-ha, quitas duas,
Penas me quedan de sobra;
Oxe dez, mañan corenta,
Desfolla que te desfolla...
¡O corazon m'arrincaras
Des qu'as arrincares todas!
(de "Follas Novas")
...Xentes moi diversas da nosa terra, as humildes en primeiro lugar, intuíron a grandeza e a beleza da fazaña: un poeta muller, unha muller orfa na nenez, unha muller de pouca saúde e agoniada polas penas, asume, sen pedantería, como quen respira, a defensa e a canción do marxinado e prostrado país. Algún tempo despois, a gratitude e a devoción das xentes esbozaban o comezo dun mito...
(Fundación Rosalía de Castro)
Cúmprense 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro de 1837 en Santiago. A orfebre da lírica social e campesiña co irrepetible legado de “Follas Novas” e “Cantares Gallegos”, a musa das Letras Galegas dende 1963, o emblema da galeguidade no mundo enteiro, recibe a homenaxe unánime da sociedade nunha data tan senlleira. Poucas figuras ao londo da Historia aglutinan tanto agarimo e recoñecemento.
Faktoría K de Libros ten o privilexio de contar cunha antoloxía dos seus versos, ilustrados expresamente pola artista plástica galega Belén Padrón. Na colección ‘Trece Lúas’, “Rosalía de Castro, escolma poética” ofrece unha achega á obra dunha autora que, en palabras de Curros Enríquez, levaba “na frente unha estrela / no bico un cantar”. A súa voz apagouse en Padrón o 15 de xullo de 1885, pero o seu eco soa para sempre no corazón de todos os galegos e galegas.