Nesta xornada do 2 de novembro comeza a desenvolvese en As Pontes a campaña “Palabras no ar” de Kalandraka, que forma parte do programa de dinamización lingüística Bocaberta 2010-2011 da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. As actividades, dirixidas a escolares de 8 a 13 anos pertencentes ao 2º e 3º ciclo de Educación Primaria e 1º ciclo da ESO, realízanse na Biblioteca Municipal. Nos 20 obradoiros programados ata o 8 de novembro, participarán máis de 400 alumnos e alumnas dos CEIP A Fraga, A Magdalena e Santa María, do CPI Monte Caxado e dos IES Castro da Uz e Moncho Valcarce.

 

“Palabras no ar” consta de sete obradoiros de oralidade, outros sete de escrita creativa e seis de plástica creativa que pretenden fomentar que a xente nova se exprese en galego, que aprecie a lectura na nosa lingua, que adquira sensibilidade estética e literaria, e manexe ferramentas de comunicación que -como a radio ou Internet- contribúen á normalización lingüística.

Para iso, as actividades deseñadas -seguindo estratexias lúdicas- recorren a elementos da tradición oral e da memoria colectiva, como as coplas, o refraneiro ou a toponimia; tamén se apoian en libros como “Gramática da fantasía” do pedagogo Gianni Rodari ou “Imaxina animais”, de Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre, para que os escolares exerciten a imaxinación e constrúan as súas propias historias. No caso dos obradoiros de gráfica creativa, o ilustrador galego Pablo Otero proporalles un exercicio que mestura o significado das palabras coa identidade persoal.

Co material resultante das actividades vanse confeccionar cinco programas de dez minutos que se emitirán na radio municipal do 22 ao 26 de novembro. Os traballos do alumnado, tanto as gravacións radiofónicas, como as creacións literarias e artísticas, publicaranse no blog www.palabrasnoar.org para que sexan compartidos no eido da comunidade escolar, no contexto social galego e para que chamen á participación dos usuarios.

Ademais de As Pontes, “Palabras no ar” seguirá o seu percorrido polos concellos de Arzúa e Cerceda, e a partir de xaneiro dirixirase a Palas de Rei, Quiroga, Caldas de Reis, Ponteareas e Arteixo. Na anterior edición desta campaña, Kalandraka actuou noutras oito localidades realizando actividades para máis de 7.000 escolares, que se plasmaron en 40 emisións radiofónicas e nun blog que recibiu máis de 15.000 visitas.