A XV Campaña de Animación á Lectura rematará o vindeiro sábado 9 de maio, cunha sesión de contos e música programada para as 12:00 horas na Galería Sargadelos, con entrada libre.


Este sinxelo video de pouco máis de 3 minutos permite facer unha visita 'virtual' á exposición LER É VOAR, lema da XV Campaña Municipal de Animación á Lectura que se está realizando no concello de Santiago, no marco da Galería Sargadelos.

Os personaxes de "Quen é ese becho?", de Carmen Queralt, guían o público polas escaleiras deste edificio histórico ata a sala de mostras, na que somos recibidos polas fermosas ilustracións de "Ícaro", a obra coa que Federico Delicado gañou o VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

Con Ana Sande achegámonos a un dos clásicos de Andersen, "O patiño feo", que trascende as páxinas do libro para materializarse tamén nunha vistosa maqueta. E destaca a homenaxe a Leo Lionni, a través dos ratiños que protagonizan "Cores".

"Orellas de bolboreta" é un dos títulos estrela do catálogo dos Libros para Soñar de KALANDRAKA. As ilustracións de André Neves son o complemento ideal para unha historia sobre a autoestima, creada por Luisa Aguilar.

A sala especial está dedicada a "Non hai berce coma o colo", na que se proxectan os vídeos musicais deste libro-disco producido por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, e na que tamén se poden admirar as ilustracións de Mariona Cabassa.

"Berce de Verín", NOVO VÍDEO!

O percorrido remata novamente nas escaleiras, coas escenas de Óscar Villán para os relatos de "Non hai escapatoria".