LIBROS PARA SOÑAR-A CORUÑA (Avda. Fisterra, 64) acolle unha exposición de doce ilustracións do debuxante David Pintor (A Coruña, 1975). “Un paseo ilustrado II” poderase visitar ata o 16 de abril en horario comercial. A mostra presenta unha escolma de traballos incluidos en diversos libros infantís, algúns deles editados por KALANDRAKA, como “Contos para nenos que dormen deseguida”, “Compostela” ou “Almanaque musical”. Este último presentarase o venres 23 de marzo ás 19:00 horas, nun acto aberto ao público, coa asistencia de David Pintor.

Parte das ilustracións incluidas en “Un paseo ilustrado II” son o resultado de diversas experiencias viaxeiras: Compostela, Florencia, Amsterdam... As paraxes naturais e as paisaxes urbanas -aderezadas con elementos imaxinarios- están presentes na obra de David Pintor, que comparte cos lectores a súa impresión dos lugares que visita, plasmándoa en imaxes fermosas e lixeiras nas que o propio debuxante se retrata coma un turista accidental, un novo Hermes, un Gulliver contemporáneo.

As ilustracións de “Almanaque musical” acompañan os doce poemas creados polo escritor Antonio Rubio para describir cada un dos doce meses do ano. Son composición nas que o fío condutor é a música clásica, cos intérpretes dunha peculiar orquestra de intrumentos de corda. Cos seus inseparables violíns, violas e violonchelos, e elegantemente conxuntados, os músicos que representa David Pintor adoptan posicións e situacións divertidas, fóra do habitual contexto dunha sala de concertos: celebrando a primavera nun bosque florecido, tomando o sol no verán, revoando entre as follas secas do outono ou patinando sobre o xeo do inverno a ritmo de valse ou sinfonía.

David Pintor é humorista gráfico, ilustrador e pintor. Dende 1993 pertence ao tándem Pinto&Chinto, que publican as súas viñetas en La Voz de Galicia. En 2011 foi finalista dos CJ Picture Book Awards e incluido na lista The White Ravens con “Contos para nenos que dormen deseguida”; foi seleccionado para expór en varias edicións da Bienal de Ilustración de Bratislava e da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Recibiu, entre outros, o premio da Society of News Design, o Premio Pura e Dora Vázquez, o Premio Internacional Clermont-Ferrand de cadernos de viaxe, e o Premio Ilustrador do Ano Città del Sol.

"Un paseo ilustrado II" é a continuación dunha exposición homónima que xa protagonizara o pasado mes de xaneiro o ilustrador Óscar Villán en LIBROS PARA SOÑAR-A CORUÑA.