Escolares dos colexios Vilas Alborada, Ramón Cabanillas e San Jorge participaron hoxe na XII Campaña Municipal de Animación á Lectura. As sesións de contos e música para os máis cativos, complementáronse cun obradoiro de escrita creativa arredor da obra do autor Celso Emilio Ferreiro, e cun obradoiro de ilustración a cargo do artista plástico Óscar Villán. Mañá, sábado 28 a partir das 12:00 horas, a Galería Sargadelos de Santiago -onde transcorren as actividades- acollerá unha sesión de contos e música para público familiar.

Escolares do colexio Ramón Cabanillas, lendo poemas de Celso Emilio Ferreiro, a partir dos cales fixeron as súas propias creacións literarias.

Despois de explicarlles o proceso de creación dun álbum ilustrado a partir do caso do libro "O coelliño branco", co que gañou o 1º Premio Nacional de Ilustración 1999, o artista plástico Óscar Villán fixo unha demostración para os escolares do CPR Vilas Alborada.

O álbum "A viaxe de Olaf", co que Martín León Barreto gañou o IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, é o conto que principia a visita dos escolares á XII Campaña Municipal de Animación á Lectura, co lema "Unha viaxe de ida e volta". Nenos e nenas do colexio San Jorge visitaron nesta xornada a Galería Sargadelos.

Na inauguración institucional da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago participaron o xefe do departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, a directora da Galería Sargadelos, Belén Bermúdez, e o alcalde de Santiago, Ángel Currás.