A campaña de animación á lectura O CARTAFOL DO LÉREZ retornou ás aulas dos centros escolares de Pontevedra. Os primeiros alumnos e alumnas en participar nesta nova xeira de obradoiros de escrita creativa foron os do CEIP Marcos da Portela, en Monte Porreiro. Reunidos na biblioteca da escola e baixo a atenta ollada do Trasno dos Libros, estes rapaces e rapazas crearon relatos baseadas no conto “Batalla de naipes”, de Juan Ignacio Pérez e Josep Rodés.

...A partir dunha estrutura narrativa común para todos, cada un teceu as características dos seus propios personaxes, describiron o que lles acontecía e como resolvían o reto. Ao final do exercicio había 22 historias independentes que, combinándoas entre si, poden dar lugar a un número practicamente infinito de creacións literarias: unha auténtica “máquina de historias”!. O resultado dese cruce de contos é divertido, inxenioso e mesmo disparatado. E o máis importante: estimula a imaxinación do alumnado, xera unha dinámica de grupo baseada na participación colectiva, e contribúe a que se expresen en galego tanto de forma oral como por escrito.

O equipo de KALANDRAKA quedou gratamente sorprendido polo talento creativo deste grupo de escolares e agradecido polo seu alto nivel de atención, participación e implicación na actividade. Os profesores destacaron o esforzo co que, cada curso académico, realizan un traballo en torno a un fío conductor predeterminado, e polo que teñen recibido algún premio da Irmandade do Libro. Velaí uns bos alicerces para futuros escritores e escritoras!

Ata o próximo venres 22 de outubro, os obradoiros iranse extendendo tamén aos CEIP Manuel Vidal Portela, Vilaverde (Mourente), Cabanas (Salcedo), Froébel, San Bieito de Lérez, Xeve e Marcón. Nesta segunda etapa da campaña que organizan a Concellería de Educación e KALANDRAKA, participarán uns 600 escolares de 5º e 6º de Primaria. Co material que elaboren confeccionarase un novo número do xornal O CARTAFOL DO LÉREZ, que estará dispoñible á volta do Nadal. Mentres tanto, na páxina www.ocartafoldolerez.org pódese facer un seguemento das actividades, ver fotos dos obradoiros, coñecer os libros nos que se basean os exercicios propostos, ler a primeira entrega do CARTAFOL, participar nas seccións de adiviñas e pasatempos e deixar comentarios.