As actividades da campaña “O Cartafol do Lérez”, organizada pola Concellería de Educación e coordinada por Kalandraka, volveron esta semana aos centros escolares de Educación Primaria do concello de Pontevedra. Ata o xoves 12 de maio, os alumnos e alumnas van participar na creación de textos propios baseados en libros como “Galego á beira do mar”, “Sopa de soño” ou “Batalla de naipes”; van traballar arredor de aspectos vencellados á historia e á tradición oral. Cunha escolma do material que resulte destas sesións confeccionarase a terceira entrega do xornal escolar “O Cartafol do Lérez”, unha publicación impresa de 2.000 exemplares que ten a súa continuación, nunha versión más completa, na páxina www.ocartafoldolerez.org, que está a disposición de toda a comunidade educativa e do público en xeral.

Os rapaces e rapazas de 6º do CEIP Froebel reinventaron os topónimos da cidade e fabularon sobre a orixe sorprendente deses lugares imaxinarios. Da súa creatividade xurdiron lugares como O Repío, Pilaverde ou Viva Margarita. O concelleiro de Educación, Julio Castela, visitounos hoxe para coñecer de primeira man a dinámica das actividades e para animar os escolares a ser bos lectores.

O obxectivo destas propostas lúdico-literarias é estimular a creatividade dos escolares, animalos a ler e a escribir en galego. Tamén se van sumar os colexios Marcos da Portela (Monte Porreiro), Santo André de Xeve, San Martiño (Salcedo) e San Benito de Lérez. Esta é xa a terceira etapa da campaña pola que, ao seu remate, terán pasado 1.500 escolares de 10 e 11 anos. Cada centro escolar recibe un lote de libros destinados á dotación das bibliotecas, que deben xogar un papel fundamental na formación e na aprendizaxe do alumnado.

Descargar en formato PDF:

O CARTAFOL DO LÉREZ Nº 0

O CARTAFOL DO LÉREZ Nº 1