No Día Internacional da Tradución, a Fundación Plácido Castro vén de celebrar no Concello de Vilagarcía o acto de entrega do XX Premio Plácido Castro de Tradución a María Alonso Seisdedos polo seu traballo na novela de Irene Solà “Canto eu e a montaña baila” (Canto jo i la muntanya balla).

“Esta tradución supera os seus outros traballos”, afirmou -en representación do xurado- Xavier Senín sobre a valoración deste texto no conxunto da ampla traxectoria de María Alonso Seisdedos. A tradutora afrontou unha obra que “lles dá voz a múltiples axentes narrativos” entre persoas, animais, plantas e fenómenos atmosféricos, todos eles actuando “en distintos tempos históricos”, explicou Senín sobre as dificultades da prosa en català. “O seu traballo reproduce á perfección a estrutura da novela, adaptando á nosa lingua as características destes axentes”, engadiu.

En especial, o xurado do XX Premio Plácido Castro tivo en conta que esta tradución “demostra unha riqueza léxica e sintáctica que dá a sensación de estarmos oíndo, máis que lendo, un conto tradicional co seu ritmo e a súa sonoridade”.

Pola súa parte, María Alonso Seisdedos precisou que “por boa que sexa unha tradución, só as que teñen detrás un orixinal excelente reciben premios”. A tradutora salientou o seu “amor cego pola recreación de obras alleas”, unha vocación que suma xa catro décadas de experiencia profesional e 44 traducións literarias polas que recibiu numerosos recoñecementos, como o Premio Nacional de Tradución 2014, o Premio Xela Arias 2018 da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, ou máis recentemente, o Premio Gala do Libro Galego 2022 por esta mesma novela de Irene Solà.

“A tradución literaria galega colabora no enriquecemento da lingua abríndolle portas e ampliándolle horizontes”, salientou María Alonso Seisdedos, de aí que reivindicase este oficio “no seu día internacional”, argumentando que e a visibilidade “dignifica” os profesionais deste sector.

“Se existisen máis tradutores, o número de guerras diminuiría”, concluíu, citando as palabras do escritor portugués Gonçalo Tavares no libro "Uma viagem à Índia".

 

[A presidenta da Fundación Plácido Castro, Susana Castro, entregoulle a María Alonso Seisdedos a escultura Babelio, obra do artista vilagarcián Xaquín Chaves. A tradutora recibiu o diploma acreditativo de mans do académico da RAG, Xavier Senín, en representación do xurado]