Soño dunha sombra / Sueño de una sombra / Dream of shadow
Un álbum sobre a luz e o tempo para os amantes da arte, cun brillante epílogo do escritor Manuel Rivas.
Un álbum sobre la luz y el tiempo para los amantes del arte, con un brillante epílogo del escritor Manuel Rivas.
A picture book about light and time for art lovers, with a brilliant epilogue by writer Manuel Rivas.
Dende as mesmas gardas deste libro sen palabras, «Soño dunha sombra» parte dunha negrura absoluta que se vai abrindo camiño cara á luz que ilumina unha porta, dirixindo
progresivamente as lectoras e os lectores ao interior dunha vivenda antiga, silenciosa e habitada tan só por unha pega que, de xeito puntual, se asoma na claridade ou na penumbra das estancias. “A ave representa todas as ausencias. É o vínculo entre o aquén e o alén. E tamén encarna a lóxica que pauta a vida na casa do Soño dunha Sombra: a lóxica do asombro”, precisa Manuel Rivas nun vibrante epílogo a modo de reflexión entre a filosofía existencial, a análise pictórica e a inspiración literaria.
A variedade de perspectivas —o efecto zoom, os picados e os contrapicados que configuran as imaxes como fotogramas dun filme— e a riqueza de matices logrados —texturas, volumes, reflexos, atmosferas— na representación de cada escena, dá conta tanto da minuciosa estrutura visual da obra como da mestría técnica do autor. Así, Xosé Cobas —cuxa traxectoria procede da pintura— é dos poucos ilustradores actuais que traballa con óleo, neste caso, sobre cartolina imprimada. Estamos, pois, ante un libro cuxos orixinais —reproducidos con cámara fotográfica, de aí a complexidade do proceso de impresión— son auténticas obras de arte nas que demorar a lectura, a contemplación, volvendo a elas para apreciar o seu ambiente nebuloso envolto no misterio, para explorar a escuridade dulcificada polas sombras…
«Soño dunha sombra» é a culminación de doce anos de creación nos que o seu alquimista ten nutrido estas páxinas con referencias tan selectas como «O eloxio da sombra» do novelista Junichiro Tanizaki, a obra do pintor hiperrealista Richard Estes, a melancolía de Edward Hopper, o impresionista Claude Monet ou os tenebristas barrocos, alén das influencias cinematográficas ou ata da linguaxe do cómic. Velaí o perfecto trazado das arquitecturas, a elegancia dos encadres, a sensibilidade nos detalles; mais tamén a emoción na homenaxe a unha construción con máis de 150 anos de historia, a memoria, a autenticidade dun espazo íntimo, a viaxe que nos transporta dende a noite dos tempos ata a luz do mañá.