Patas arriba
Un divertido libro-xogo que convida a lectores e lectoras a pasar á acción para axudar aos desconcertados habitantes da sabana e libralos dun final non desexado.
Os animais descansan, aliméntanse, refréscanse… É un día de paz e tranquilidade interrompido pola estrepitosa chegada do elefante que, dando fortes alancadas, puxo a sabana «Patas arriba»: o león acaba enchoupado na charca e ata a copa das árbores rebotaron o crocodilo, o antílope, as cebras... A voz narradora anima o lector ou a lectora -en quen recae o protagonismo desta divertida aventura- a axitar o libro para devolvelos á súa posición inicial, pero as sucesivas interaccións non teñen efecto e, a cada sacudida, a desorde vai máis aló, desafiando a lei da gravidade e alterando mesmo o aspecto dos animais.
Dunha forma directa e distendida, a autora vai marcando a intensidade (forte ou suave), o sentido dos desprazamentos (arriba e abaixo, esquerda e dereita) e engadindo un toque de maxia e emoción ás súas instrucións. A lectura convértese así nunha áxil coreografía, facendo que o libro se transforme nun xoguete para o goce individual ou colectivo. Ademais, as páxinas de «Patas arriba» permiten coñecer os habitantes deste rincón da natureza, descubrir os rocambolescos bandazos que experimentan con tanto meneo, enumerar, practicar movementos sinxelos e comentar a presenza dun personaxe ameazante, que axexa agochado.
Comprometida coa defensa do medio ambiente, Anne Derenne utiliza a súa obra para sensibilizar -cun enfoque crítico e humorístico- a infancia sobre a ecoloxía e a biodiversidade. Nun escenario invariable, as ilustracións -de cores planas, intensas e luminosas- amosan uns animais carizaturizados, expresivos e de trazos definidos, como personaxes dunha serie animada.
Otros idiomas: