Parchís

Girón, Maria Traducción: Nicolás, Iago

Unha historia tenra, enxeñosa e divertida sobre a amizade, o xogo e o pracer de compartir as pequenas cousas.

Gata, Coella, Parrulo e Teixugo son catro amigos ben simpáticos que viven nun fermoso val. A través dun texto de estrutura repetitiva, acumulativa e circular percorremos canda eles a casa do río, a casa da árbore, a casa do lago e a casa do outeiro; unha historia tenra e enxeñosa que abrangue un apacible día de inverno, dende a mañá ata a noite.

A xenerosidade é unha das calidades dos animais humanizados que protagonizan este relato: coa intención de compartir un grolo de leite, un petisco de biscoito, o son do ukelele e o taboleiro de parchís, as visitas vanse sucedendo na procura de máis veciños que, en cada caso, visten o abrigo, a bufanda e o gorro antes de saír. Tamén é un conto que explora as emocións dos personaxes: a soidade, a tristura e as bágoas de quen non atopa compañía contrasta coa alegría, a risa e o xogo colectivo cando todos se reúnen.

Ao tomar recursos da tradición oral, «Parchís» é ideal para narrar, polo efecto da reiteración de fórmulas, da anticipación das accións e da conseguinte participación do público infantil. Así, seguindo as pegadas que Gata, Coella e Parrulo foran deixando na neve, Teixugo fai o itinerario con curiosidade e intriga, ata a sorpresa final.

As ilustracións combinan os planos amplos e luminosos cos detalles dos personaxes, que locen prendas moi coloridas xogando co amarelo, verde, vermello e azul das fichas do parchís. Son imaxes que destacan pola expresividade e o dinamismo: velaí a divertida escena da batalla de bolas de neve, chea de liñas cinéticas e xestos de xúbilo.

Leer más
Leer menos
17,00 €