O colar de bágoas

Perini, Franca Pedron, Anna Traducción: Xosé Ballesteros

A dor, as inxustizas, o desamor... alguén transporta as nosas penas. Porque a vida é fermosa, como o texto e as ilustracións deste libro; pero tamén ten espiñas.

As penas, as inxustizas, as decepcións, a dor física, tamén o maltrato ao planeta son algunhas das pezas engarzadas neste afeite: delicado polo material sensible que porta, pesado pola carga emocional que sustenta. Finalista do XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, «O colar de bágoas» é unha fermosa e poética historia sobre a vida e as circunstancias da existencia humana, sobre a pegada que deixamos ou que nos deixan.

Da calidade do texto de Franca Perini destacan a riqueza e a sensibilidade das figuras literarias, en clave metafórica, para referirse á nostalxia polo paso do tempo, á soidade ou ao sufrimento, tanto do corpo como da alma; a súa capacidade para describir a negatividade cunha ollada tenra e serena, cunha linguaxe coidadosamente escollida que ilumina cada motivo de tristura. Porque fronte á aparente saudade, estamos ante unha lectura poderosamente vitalista.

As ilustracións de Anna Pedron son esenciais para unha lectura plena da obra. Son imaxes de extraordinario realismo e elegancia, con suaves trazos de grafito sutilmente coloreados con tonalidades etéreas que acentúan a expresividade dos elementos simbólicos e reforzan a poética narrativa. A figura humana -con protagonistas de todas as idades e predominio dos primeiros planos- e a natureza son o fío condutor dun intenso percorrido polas emocións máis fondas.
Leer más
Leer menos
16,00 €