ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL PRESENTA "DE CENTEO E DURMIDEIRAS" NA CORUÑA

ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL PRESENTA

«De centeo e durmideiras» é o novo poemario da profesora, escritora e artista multidisciplinar Rosalía Fernández Rial, publicado nunha edición bilingüe por Cuatro lunas, un selo editorial de KALANDRAKA. Trátase dunha obra sensual, feminina e sinestésica na que a autora condensa paixón, vigor e sensibilidade. O Kiosco Alfonso da Coruña acollerá a presentación deste libro o vindeiro martes 18 de xuño a partir das 19:30 horas. Contará coa participación de Yolanda Castaño -Premio Nacional de Poesía 2023- que, no limiar, salienta o “centrífigo fulgor” destes versos, “paisaxe de dous corpos femia de horizonte circular”, engade no seu texto introdutorio.

Ambas conversarán sobre a audacia desta illa poética, que xunta fauna, flora e corpo formando unha superficie arquitectónica e natural. Dende os versos de Safo e Alceo, Rosalía Fernández Rial constrúe un universo íntimo a base de espontaneidade e arrebato. “Centeo”, “Marea negra” e “Durmideiras” son os tres campos cultivados nestas páxinas de palabras e escuma nas que o amor agroma, a pel xermola e o salitre titila. No seu eterno ciclo de devastación e renovación, cada estrofa reborda paixón, excitación e loucura.

Distinguida recentemente co VII Premio Vidal Bolaño 2024 de textos teatrais, a dimensión poliédrica de Rosalía Fernández Rial non deixa de medrar. Tras licenciarse en Filoloxía da Universidade de Santiago, a súa faceta académica enfocouse cara á didáctica das linguas e da expresión dramática, culminando no seu doutoramento. Ademais da dimensión artística e musical no grupo Chicharrón, destaca sobre todo como escritora e poeta, sendo artífice dun corpus literario marcado pola orixinalidade e a capacidade de renovación: «En clave de sol» (2009), «Átonos» (2011), «Un mar de sensacións» (2012), «Vinte en escena» (2012), «Ningún amante sabe conducir» (2014), «Contra-acción» (2016) ou a antoloxía bilingüe «Sacar a bailar. Poesía reunida» (2009-2016), «Árbores no deserto» (2020) e «Desnortada» (2021) dán conta da súa extensa creatividade.

Como en boa parte dos seus proxectos, «De centeo e durmideiras» tamén conta con senllas dimensións escénicas e audiovisuais nas que a poesía convive coa música e a imaxe.

June 18 2024

Detalles

Comienzo: June 18, 2024, 7:30 PM
Fin: June 11, 2024, 8:30 PM
Dirección: Xardíns de Méndez Núñez, 3. A Coruña

Organizer

Organizador: Kalandraka Editora, Editorial Cuatro lunas

Sede

Kiosco Alfonso, A Coruña

+ Google Map