PRESENTACIÓN DE "A VIXILIA DO BOSQUE" EN BIBLOS (BETANZOS)

PRESENTACIÓN DE

«A vixilia do bosque» é un novo poemario inédito e póstumo de Manuel Álvarez Torneiro publicado por KALANDRAKA; quinto volume na colección Tambo, con edición e limiar da profesora e especialista na obra do escritor coruñés, Teresa Seara, que este venres na libraría Biblos (rúa Santiago, 4) de Betanzos repasará a traxectoria vital e literaria do autor, o primeiro en recibir o Premio Nacional de Poesía (2013) cunha obra en galego, «Os ángulos da brasa». No encontro, a partir das 19:30 horas, tamén participarán a filóloga Concha Delgado, o poeta Xosé Luís Mosquera, e o director da colección Tambo, Luís Rei Núñez, coa lectura dos seus versos.

A comezos deste mes de maio Biblos inaugurou unha exposición de colaxes de Manuel Álvarez Torneiro, algúns deles recollidos no libro «Travesía del conocimiento», publicado -tamén postumamente- na colección Ut pictura poesis de KALANDRAKA. Co lema «Don da mirada» e con Teresa Seara como comisaria da mostra, esta faceta artística dá conta da “fonda sensibilidade” do autor, agasallando as súas amizades con pezas de pequeño formato que elaboraba con anacos de papel tomados das páxinas das revistas.

No marco tan ben acaído desta exposición, que amplía a súa estadía ata mediados de xuño, celebrarase esta homenaxe a Manuel Álvarez Torneiro, falecido en 2019. Ademais do seu oficio como xornalista en La Voz de Galicia, a poesía marcou a súa vida, publicando en 1982 o seu primeiro libro, «Memoria dun silencio». Seguíronlle outros nove títulos, aos que se sumaron tres libros máis tralo seu pasamento: «Clave de bóveda», «Travesía del conocimiento» e «A vixilia do bosque», no que o autor nos instala na festa da fala, nos dispón para a loita contra o esquecemento e nos compromete coa defensa da beleza.

Ademais do Premio Nacional de Poesía, «Os ángulos da brasa» tamén foi distinguido co Premio da Crítica Española, o Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editoras e o Premio de Poesía da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Outros recoñecementos completan a súa bibliografía, como o Premio González Garcés por «Luz de facer memoria» e «Campo segado», e o Premio Esquío por «Rigorosamente humano».

May 31 2024

Detalles

Comienzo: May 31, 2024, 7:30 PM
Fin: May 31, 2024, 8:30 PM
Dirección: Rúa Santiago, 4. Betanzos, A Coruña

Sede

Libraría Biblos, Betanzos

+ Google Map