"POESÍA E ILUSTRACIÓN" CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO E NOEMÍ VILLAMUZA EN LIBROS PARA SOÑAR

O escritor Antonio García Teijeiro e a artista plástica Noemí Villamuza conversarán sobre “Poesía e ilustración” nun encontro que se celebrará este venres, 27 de setembro, a partir das 18:30 horas na libraría LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo, 1) de Vigo. Autores cunha ampla e recoñecida traxectoria, reúnense no marco da quinta edición do programa Afinidades electivas, promovido pola Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura, do Ministerio de Cultura.

Á marxe das súas respectivas bibliografías como poeta e ilustradora, Antonio García Teijeiro e Noemí Villamuza, teñen asinado conxuntamente a obra «Os ecos do vento», publicado este ano no catálogo de KALANDRAKA. Trátase dunha homenaxe a doce mulleres creadoras, poetas ou narradoras de diferentes xeracións e procedentes de ambas as beiras do Atlántico. Juana de Ibarborou, María Elena Walsh, Cecilia Pisos, Mercedes Calvo ou María Teresa Andruetto son algunhas das destinatarias dos textos. As imaxes reforzan a beleza, a emoción e o sentimento das palabras a base de trazos dinámicos e suavemente coloreados que representan a nenas, mulleres e anciás -a figura feminina en distintas etapas vitais- que xogan, bailan e soñan ao ritmo dos versos.

A admiración pola traxectoria das protagonistas e a inspiración nas súas obras foron as motivacións desta ofrenda lírica coa que Antonio García Teijeiro procurou “poñer en valor e descubrir” a escritoras pouco ou nada coñecidas no noso sistema literario, canda outras tan presentes e “admiradas” polo autor, como Rosalía de Castro, Gloria Fuertes ou Beatriz Giménez de Ory. En canto a Noemí Villamuza, o seu papel como ilustradora do libro contribúe a “achegar a poesía á infancia”, como ten explicado, dando apoio ás imaxes que crean os propios lectores e lectoras a través da lectura dos poemas.

«Os ecos do vento» é o segundo libro de García Teijeiro en KALANDRAKA tras «Versos e viceversos», no que compartía autoría co poeta Juan Carlos Martín Ramos e co ilustrador Juan Ramón Alonso. Escritor, mestre vinculado a movementos de renovación pedagóxica e autor de numerosos libros, ten recibido os premios Merlín 1996, Pier Paolo Vergerio 1998, Luna de Aire 2007 e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017, entre outros recoñecementos. A súa obra tamén figura en destacadas seleccións bibliográficas, como as que elaboran a Fundación Cuatrogatos, a Organización Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (IBBY) ou a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

A palentina Noemí Villamuza estudou Belas Artes na Universidade de Salamanca e, dende o seu primeiro libro en 1998, ten publicado máis de 50 títulos en varios países. Ademais de ilustrar literatura infantil e xuvenil, tamén ten participado en libros para público adulto, novela gráfica, prensa e publicidade. Foi galardoada co Premio Junceda 2007 e finalista do Premio Nacional de Ilustración 2002. «Os ecos do vento» é o seu terceiro libro en KALANDRAKA, tralo álbum «O conto do outro día», con texto de Roberto Aliaga, e «¡A la luna, a las dos… y a las tres!», a obra coa que Nieves García gañou o XI Premio Internacional Orihuela de Poesía para nenas e nenos.

Este encontro do ciclo Afinidades electivas é unha das 86 actividades programadas polo Ministerio de Cultura en librarías independentes de ámbito estatal co obxectivo de reunir autoras e autores de distintos ámbitos culturais e lingüísticos para que dialoguen arredor das súas “semellanzas, diverxencias ou conexións”, salientando así a pluralidade e a diversidade lingüística e creativa.

September 27 2024

Detalles

Comienzo: September 27, 2024, 6:30 PM
Fin: September 27, 2024, 7:30 PM
Dirección: Triunfo, 1. Vigo

Sede

Libros para soñar, Vigo

+ Google Map