OLI E NATALIA COLOMBO FALAN DE "RATOS" NA LIBRARÍA WELLS DE CANGAS

OLI E NATALIA COLOMBO FALAN DE

Os autores da colección «Ratos», o cangués Xosé Manuel González Oli e a ilustradora arxentina Natalia Colombo, manterán este mércores un encontro para público infantil e familiar, a partir das 12:30 horas na libraría Wells (rúa do Arco, 5), para conversar sobre o proceso de creación destes libros publicados por KALANDRAKA. A serie, que consta dos títulos «Os ratos da casa», «Ratos de viaxe» e «Ratos na escola», sobresae pola súa peculiar estrutura narrativa, con estrofas rimadas de catro versos e palabras encadeadas. Tamén por unha proposta plástica de luminoso colorido e escenografías con abundantes detalles.

Con estas historias para primeiras lectoras e lectores nas que o ritmo do relato potencia a súa oralidade, Oli achega novas formas narrativas empregando estruturas propias da tradición oral e doutras culturas próximas. A obra coa que comezan estas aventuras, «Os ratos da casa», presenta unha familia de roedores intrépidos e larpeiros que saen do monte na procura de alimento e diversión.

«Ratos de viaxe» conta as peripecias dos protagonistas para chegaren á praia a bordo dunha caravana, onde gozan dos xogos na area e entre as ondas do mar. Máis recente, «Ratos na escola» conta as súas andanzas nun colexio, onde percorren as distintas estancias -dende o ximnasio ata a biblioteca ou a aula de música- facendo algunha falcatruada.

Escritor, tradutor e especialista en literatura infantil e xuvenil, Xosé Manuel González dedicouse durante moitos anos á docencia como mestre Primaria. É co-director da colección «Seteleguas» de KALANDRAKA, editorial na que tamén publicou «Once damas atrevidas», «O pirata pata de lata» e «Artur». Ademais, foi responsable das páxinas de literatura infantil da Revista Galega de Educación.

A bonaerense Natalia Colombo ten unha ampla traxectoria como ilustradora e deseñadora gráfica. Estudou na Facultade de Arquitectura, Deseño e Urbanismo da Universidade da capital arxentina, cidade na que reside. Ten ilustrado libros de texto e álbums infantís publicados en editoriais de España, Francia, Suiza, Arxentina, México, Chile, Brasil e Estados Unidos. Coa súa primeira obra, «Cerca», gañou o I Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, convocado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e por KALANDRAKA, onde tamén publicou o álbum «Niños». En 2017 recibiu unha mención de honra do certame Iberoamérica Ilustra.

June 26 2024

Detalles

Comienzo: June 26, 2024, 12:30 PM
Fin: June 26, 2024, 1:15 PM
Dirección: Praza do Arco, 5. Cangas do Morrazo

Sede

Wells Libros

+ Google Map