IRENE SOLÀ PRESENTA NA LIBRARÍA COUCEIRO (COMPOSTELA) “DEICHE OLLOS E MIRACHES AS TEBRAS”

IRENE SOLÀ PRESENTA NA LIBRARÍA COUCEIRO (COMPOSTELA) “DEICHE OLLOS E MIRACHES AS TEBRAS”

A escritora Irene Solà presentará a súa nova novela, «Deiche ollos e miraches as tebras», publicada polo selo FAKTORÍA K, este venres a partir das 19:00 horas na libraría Couceiro de Santiago. Tamén participará a tradutora da obra, María Alonso Seisdedos, que recibiu o XX Premio Plácido Castro 2022 pola tradución do seu anterior libro «Canto eu e a montaña baila». Canda elas, a actriz e escritora Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, exercerá como mestra de cerimonias deste encontro literario.

«Deiche ollos e miraches as tebras» ofrece unha simbiose harmónica e desbordante de imaxinación, tradición e prosa poética. Cun poderoso torrente verbal, ritmo e sentido do humor, audacia formal e atmosferas evocadoras, Irene Solà explora neste libro a dualidade e o vínculo intrínseco entre luz e escuridade, vida e morte, memoria e esquecemento, realidade e fabulación.

A historia transcorre na masía Clavell, que a autora sitúa nalgún punto remoto dos montes de Les Guilleries, no nordés de Catalunya. Habitada por mulleres, vivas e mortas, desprezadas por bruxas,

trafulqueiras e fedellonas, os seus cuartos gardan centos de anos de recordos: os de Joana, que para atopar un marido fixo un pauto que orixinou unha proxenie maldita; os de Bernadeta, a quen sendo nena lle botaron tanta auga con tomiño nos ollos que acabou vendo o que non debía; ou os de Blanca que naceu sen lingua e non fala, pero observa.

Logo do éxito internacional de «Canto eu e a montaña baila», traducida a máis de trinta linguas, adaptada ao teatro e convertida en obra sinfónica, Irene Solà segue forxando unha prestixiosa traxectoria que bebe das fontes do imaxinario colectivo reconstruído, actualizado e renovado a través dun estilo preciso, virtuoso e subversivo.

Poeta, narradora e artista, formouse nas universidades de Barcelona e Sussex, ademais de Reykjavik. Recibiu o Premio Amadeu Oller polo seu primeiro poemario, «Bèstia» (2012). Coa obra coa que debutou no xénero da narrativa, «Els dics», recibiu o Premio Documenta 2017. A súa segunda novela, «Canto eu e a montaña baila» (2019), foi galardoada co Premi Llibres Anagrama de Novel·la, co Premio de Literatura da Unión Europea 2020, cos premios Núvol, Maria Àngels Anglada de narrativa catalá e Cálamo pola edición en castelán. Converteuse así nunha das voces máis recoñecidas e sorprendentes do panorama narrativo catalán.

October 6 2023

Detalles

Comienzo: October 6, 2023, 7:00 PM
Fin: October 6, 2023, 8:00 PM
Dirección: Praza de Cervantes 6, Santiago de Compostela

Sede

Libraría Couceiro

+ Google Map