HELENA DE CARLOS PRESENTA "IMAGO" EN VIGO

HELENA DE CARLOS PRESENTA

Dezaseis anos despois da publicación do seu último libro, a profesora e poeta Helena de Carlos volve ao eido literario con «Imago», editado na colección Tambo do selo Faktoría K, de KALANDRAKA. Creado durante a experiencia da pandemia e do confinamento, trátase dun poemario que reflicte un mundo perplexo fronte ao baleiro; versos que tamén testemuñan a vivencia das dúas metamorfoses que unha muller experimenta na vida, a pubertade e a madurez.

A libraría Cartabón (Rúa de Urzáiz, 125) de Vigo acollerá a presentación da obra o vindeiro mércores 21 de xuño ás 20:00 horas, coa autora acompañada polo filósofo e poeta Carlos Lema, e o director de Tambo, Luís Rei Núñez.

«Imago» tamén ofrece unha reflexión profunda sobre a conciencia do cambio, en diálogo cunha vida interior dinámica e axitada, empregando as palabras necesarias, con naturalidade e sen artificios.

Catedrática de Filoloxía Latina na Universidade de Santiago, Helena de Carlos leva máis de trinta anos sendo docente e investigadora, como especialista no estudo dos textos antigos. Traduciu para o galego dous textos latinos, «Consolación da Filosofía de Boecio» (2005) e «Utopía» de Tomás Moro (2011). A súa obra poética abrangue os títulos «Alta casa» (1996), «1999» (2001), «Aracne 3» (2006) e «Vigo» (2007), polo que recibiu o Premio da Crítica Española.

Con ilustracións de Marisa Camino, «Imago» fai o poemario número dezaoito de Tambo, na que figuran poetas como Xavier Seoane, Lucía Novas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Martín Veiga, o propio Luís Rei Núñez, Manuel Álvarez Torneiro e Olga Novo; estes dous últimos autores recibiron o Premio Nacional de Poesía por «Os ángulos de brasa» (2013) e «Feliz Idade» (2020), respectivamente. A colección tamén se nutre da tradución ao galego de escritores como o vasco Joseba Sarrionandia, o catalán Antoni Marí, ou o norteamericano T. S. Eliot.

June 21 2023

Detalles

Comienzo: June 21, 2023, 8:00 PM
Fin: June 21, 2023, 9:00 PM
Dirección: Rúa de Urzáiz, 125. Vigo

Sede

Libraría Cartabón

+ Google Map