FINA CASALDERREY E XOSÉ COBAS ASINAN "FILLA DAS ONDAS" NA FESTA DOS LIBROS DE PONTEVEDRA

A escritora e académica Fina Casalderrey e o ilustrador Xosé Cobas asinarán exemplares de «Filla das ondas» na Festa dos Libros de Pontevedra, onde KALANDRAKA volve contar cun posto de exposición entre as trece librarías que participan. O encontro coas lectoras e cos lectores será o sábado 5 de xullo a partir das 13:00 horas no posto da libraría Seijas. Máis de 25 anos despois da súa publicación, este relato volveu ás mesas de novidades cunha nova e abraiante proposta visual a base de óleos que realzan as arquitecturas da Boa Vila.
Trátase dun relato fantástico e onírico que recrea a historia de Pontevedra dende o medievo, e no que afloran aspectos da actualidade como a admirable recuperación do casco histórico e o seu revolucionario modelo urbán. Os protagonistas son un mozo que se instala en Pontevedra e unha misteriosa rapaza que lle mostra como foi transformándose a cidade: dende os séculos XV e XVI coa Feira Franca, a muralla que rodea a vila señorial e o esplendor do barrio mariñeiro da Moureira, ata os séculos XIX e XX cando se encontran co pirata Benito Soto, co boticario Perfecto Feijoo e Co seu loro Ravachol, e mesmo cos intelectuais Alexandre Bóveda e Castelao.
Todo tipo de acontecementos sociais e culturais, anécdotas e curiosidades, lendas e tradicións, artéllanse con mestría nesta divertida e trepidante aventura; unha viaxe no tempo que, a través do detallismo das ilustracións -as rúas e as prazas da zona monumental, as fontes e os escudos heráldicos, algúns dos recunchos máis emblemáticos e das edificacións históricas máis senlleiras- realzan a beleza da cidade e permiten coñecela dun xeito diferente e atractivo.
Fina Casalderrey é autora de ducias de libros traducidos a varias linguas e ten recibido os principais recoñecementos en Galicia ao longo de máis de tres décadas de traxectoria literaria. Foi nominada por cuarta vez como candidata ao Premio Astrid Lindgren e proposta ao Premio Hans Christian Andersen, o máximo recoñecemento internacional no eido da Literatura Infantil e Xuvenil.
A obra de Xosé Cobas suma máis de 200 títulos dende que, a finais dos 80, se dedica á ilustración de libros infantís e xuvenís. Seleccionado na lista The White Ravens, entre outras distincións, ten participado en exposicións a nivel europeo e latinoamericano.