FESTA DOS LIBROS DE PONTEVEDRA: RAMÓN TRIGO ASINA “LABIRINTO”

FESTA DOS LIBROS DE PONTEVEDRA: RAMÓN TRIGO ASINA “LABIRINTO”

O 11 de xullo chega ás librarías «Labirinto», un novo libro ilustrado do artista vigués Ramón Trigo, publicado po KALANDRAKA, no que traza unha viaxe simbólica ao corazón de África para descubrir as súas paisaxes, cores, sabores e segredos. O autor asina exemplares na Festa dos Libros de Pontevedra, o sábado 6 de xullo a partir das 19:15 horas no posto da libraría Paz. 

«Labirinto» é a historia dun pintor que, canso de empregar unicamente o negro e o gris nos seus lenzos, emprende unha viaxe cara a un territorio descoñecido, disposto a descifrar os seus misterios. Alí descubrirá un mundo repleto de novos aromas, texturas e tonalidades pero non será ata o seu regreso cando se decate de que esa experiencia tamén fai que algo cambie no seu interior.

 

A raíz da estancia de Ramón Trigo en Abuja no ano 2022 con motivo dun traballo creativo de investigación denominado Proxecto Pantoque, xurdiu esta reflexión que, dende o punto de vista artístico, destaca polas imaxes impactantes, expresivas e cun forte compoñente simbólico.

 

De formación autodidacta, Ramón Trigo comezou a súa traxectoria artística como ilustrador e debuxante de cómic. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón, ilustra libros para varias editoriais e realiza exposicións, ademais de desenvolver outras facetas como escultor e muralista. Entre as distincións que recibiu figuran o Premio Arte Xoven Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Ciudad de Alicante e Cabildo de Gran Canaria, o Premio Lazarillo e o Premio Isaac Díaz Pardo.

 

«Labirinto» súmase ao catálogo de KALANDRAKA tras «O pirata Pata de lata», con texto de Xosé Manuel González Oli.

July 6 2024

Detalles

Comienzo: July 6, 2024, 7:15 PM
Fin: July 6, 2024, 8:30 PM
Dirección: Praza da Ferraría, Pontevedra

Sede

Festa dos Libros de Pontevedra

+ Google Map