FEIRA DO LIBRODA CORUÑA: BIBIANA CANDIA E XOSÉ COBAS ASINAN "AZUCRE"

FEIRA DO LIBRODA CORUÑA: BIBIANA CANDIA E XOSÉ COBAS ASINAN

A autora Bibiana Candia e o artista Xosé Cobas asinarán exemplares de «Azucre» o venres 8 de agosto na Feira do Libro da Coruña con motivo da nova edición deste poderoso relato baseado en feitos reais. O encontro coas lectoras e cos lectores será a partir das 19:30 horas na caseta da libraría Galgo Azul. Con tradución ao galego de Xurxo Chapela e publicada por KALANDRAKA, esta novela breve é unha epopea sobre o drama dos 1.700 galegos escravizados en Cuba para traballar nos campos de azucre.

Ambientada no século XIX, narra a situación na que se atopa a poboación galega, asolada pola fame e a enfermidade. A única saída para mozos como o protagonista da historia, Orestes Veiga, pasaba por buscar un futuro mellor na illa caribeña. Inxenuos pero cargados de ilusión, viaxan ata a plantación do empresario Urbano Feijóo de Sotomayor, que os explota con crueldade.

Esta viaxe baseada en feitos reais recupera un período escuro da historia marcado por un colonialismo desapiadado. Acompañan o texto unhas ilustracións impactantes e de fondo calado simbólico nas que Xosé Cobas plasma numerosas referencias artísticas.

Gañadora do Premio Espartaco de Novela Histórica 2022, «Azucre» é a primeira obra narrativa de Bibiana Candia, que anteriormente xa publicara poemarios, relatos e artefactos literarios.Tras residir durante dez anos en Berlín formándose como escritora, comezou a colaborar en revistas como Jot Down e Letras Libres. O seu labor como xornalista cultural foi recoñecido co Premio Carmen de Burgos de Divulgación Feminista (2020) e co Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba (2021).

Xosé Cobas, que suma máis de 200 títulos publicados, comezou ilustrando na prensa diaria e, a finais dos anos 80, orientou a súa traxectoria artística á ilustración de libros infantís e xuvenís. A súa obra expúxose en galerías de España, Europa e Latinoamérica. Recibiu o Premio Gourmand World Cookbook ao mellor libro de literatura gastronómica en español, o Premio Fetén ao mellor libro de teatro ilustrado, os premios Díaz Pardo e Neira Vilas, e foi seleccionado na lista The White Ravens.

 

August 8 2025

Detalles

Comienzo: August 8, 2025, 7:30 PM
Fin: August 8, 2025, 8:30 PM
Dirección: Feira do Libro da Coruña, Xardíns de Méndez Núñez

Sede

Feira do Libro da Coruña

+ Google Map