FEIRA DO LIBRO DE VIGO: RAMÓN TRIGO PRESENTA "LABIRINTO"

FEIRA DO LIBRO DE VIGO: RAMÓN TRIGO PRESENTA

O 11 de xullo chega ás librarías «Labirinto», un novo libro do autor vigués Ramón Trigo, que traza unha viaxe simbólica ao corazón de África para descubrir as súas paisaxes, cores, sabores e segredos. O autor presenta un adianto da obra o venres 5 de xullo a partir das 19:15 horas na Feira do Libro da súa cidade. Conversará con Branca Trigo sobre o proceso creativo desta obra e ofrecerá unha performance artística con lectura de textos poéticos.

«Labirinto» é a historia dun pintor que, canso de empregar unicamente o negro e o gris, emprende unha viaxe cara a un territorio descoñecido, disposto a descifrar os seus segredos. Alí descubrirá un mundo repleto de novos aromas, texturas e tonalidades pero non será ata o seu regreso cando se decate de que esa experiencia tamén fai que algo cambie no seu interior.

A partir da estancia do autor no continente africano xorde esta reflexión que, dende o punto de vista artístico, destaca polas imaxes impactantes, expresivas e cun forte compoñente simbólico.

De formación autodidacta, Ramón Trigo comezou a súa traxectoria artística como ilustrador e debuxante de cómic. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón, ilustra libros para varias editoriais e realiza exposicións, ademais da súa outra faceta como escultor. Entre as distincións que recibiu figuran o Premio Arte Xoven Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Ciudad de Alicante e Cabildo de Gran Canaria, o Premio Lazarillo e o Premio Isaac Díaz Pardo.

«Labirinto» súmase ao catálogo de KALANDRAKA tras «O pirata Pata de lata», con texto de Xosé Manuel González Oli.

A presenza de KALANDRAKA na Feira do Libro de Vigo complétase coa participación da xornalista Tereixa Constenla que, o venres 5 a partir das 20:00 horas, asinará exemplares de «Abril é un país» na caseta de Cartabón. Por último, o sábado 6 a partir das 12:30 horas a ilustradora Lucía Cobo asina exemplares de «Osa» na caseta de LIBROS PARA SOÑAR.

July 5 2024

Detalles

Comienzo: July 5, 2024, 7:15 PM
Fin: July 28, 2024, 8:00 PM
Dirección: Praza de Compostela, Vigo

Sede

Feira do Libro de Vigo

+ Google Map