FEIRA DO LIBRO DE VIGO: MARC TAEGER NA CASETA DE LIBROS PARA SOÑAR

FEIRA DO LIBRO DE VIGO: MARC TAEGER NA CASETA DE LIBROS PARA SOÑAR

O ilustrador Marc Taeger inaugurará o martes 1 de xullo, a partir das 19:00 horas, o calendario de sinaturas na caseta de Libros para soñar, no arranque da Feira do Libro de Vigo que se celebrará ata o domingo na Praza de Compostela. O artista suízo afincado na vila de Bueu ten publicado recentemente «12 greguerías de luna de Ramón Gómez de la Serna» na colección de poesía de KALANDRAKA, con colaxes da súa autoría.

Este novo título súmase á súa ampla bibliografía nesta editora, na que destacan títulos como «O elefante que perdeu o seu ollo» con texto de Boniface Ofogo, «A verdadeira historia de Carapuchiña» na versión de Antonio Rodríguez Almodóvar, «Un máis» e «Garavanciño» con Olalla González, ou os libro-discos «Son animal» e «Extra!» de Paco Nogueiras.

Tamén visitará a caseta de Libros para soñar a ilustradora pontevedresa Alicia Suárez: o xoves día 3 a partir das 19:00 horas asinará os títulos da serie Día a día da colección Makakiños De Fácil Lectura. Trátase dunha iniciativa pioneira da Asociación BATA que crea e adapta obras ao sistema de pictogramas SPC para que sexan accesibles a persoas no espectro do autismo.

Tras «Nicolás cociña sen lume» e «Nicolás va de compras», as novas incorporacións son «Nicolás vai á biblioteca» e «Nicolás va al médico», en galego e castelán, respectivamente: o primeiro amosa as funcións destes espazos, non só como espazos para ler ou levar libros e películas en préstamo, senón que tamén detalla que tipos de libros hai a disposición do público; o segundo presenta un centro sanitario onde o protagonista descobre as distintas especialidades dos doutores e as partes do corpo que atende cada un. As ilustracións de Alicia Suárez para a colección Makakiños destacan polo seu carácter descritivo e o seu alegre colorido. A bibliografía desta autora no catálogo de KALANDRAKA complétase coas ilustracións do conto tradicional «O galo Quirico», adaptado por Tareixa Alonso.

«Filla das ondas» é o novo libro de Xosé Cobas: a edición renovada dun relato de Fina Casalderrey publicado hai 26 anos que conta cunha abraiante proposta plástica baseada na técnica do óleo. O ilustrador coruñés asinará as súas obras o sábado día 5 dende as 18:30 horas. Canda esta novidade tamén dedicará exemplares de «Azucre», con texto de Bibiana Candia, «O pintor cego» de Xabier P. Docampo, «Cadros dunha exposición» a partir dunha historia de José Antonio Abad, o clásico «Galego á beira do mar» de Juan Farias e a tradución «Memorias de un niño campesino» de Xosé Neira Vilas.

As actividades de Libros para soñar na Feira do Libro de Vigo complétanse coa presenza de Ramón Veiga e Lucía Mojón, o mércores 2 e o venres 4 ás 19:00 horas, respectivamente.

 

July 1 2025

Detalles

Comienzo: July 1, 2025, 7:00 PM
Fin: July 1, 2025, 8:00 PM
Dirección: Praza de Compostela, Vigo.

Sede

Feira do Libro de Vigo

+ Google Map