FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL

FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL

«De centeo e durmideiras» é o novo poemario da profesora, escritora e artista multidisciplinar Rosalía Fernández Rial, publicado nunha edición bilingüe por Cuatro lunas, un selo editorial de KALANDRAKA. A autora asinará exemplares da obra o sábado 10 de agosto, a partir das 19:00 horas, na caseta de KALANDRAKA na Feira do Libro da Coruña.

Como sinala a poeta Yolanda Castaño no limiar, os versos de Rosalía Fernández Rial destacan polo seu “centrífigo fulgor” evocando a “paisaxe de dous corpos femia de horizonte circular”. A autora constrúe unha illa poética na que conflúen fauna, flora e corpo formando unha superficie arquitectónica e natural.

Con Safo e Alceo como referentes literarios, «De centeo e durmideiras» mostra un universo íntimo  caracterizado pola espontaneidade e o arrebato. “Centeo”, “Marea negra” e “Durmideiras” son os tres campos cultivados nestas páxinas de palabras e escuma nas que o amor agroma, a pel xermola e o salitre titila. No seu eterno ciclo de devastación e renovación, cada estrofa reborda paixón, excitación e loucura.

Distinguida recentemente co VII Premio Vidal Bolaño 2024 de textos teatrais, a dimensión poliédrica de Rosalía Fernández Rial non deixa de medrar. Tras licenciarse en Filoloxía da Universidade de Santiago, a súa faceta académica enfocouse cara á didáctica das linguas e da expresión dramática, culminando no seu doutoramento. Ademais da dimensión artística e musical que proxecta no grupo Chicharrón, destaca sobre todo como escritora e poeta, sendo artífice dun corpus literario marcado pola orixinalidade e a capacidade de renovación: «En clave de sol» (2009), «Átonos» (2011), «Un mar de sensacións» (2012), «Vinte en escena» (2012), «Ningún amante sabe conducir» (2014), «Contra-acción» (2016) ou a antoloxía bilingüe «Sacar a bailar. Poesía reunida» (2009-2016), «Árbores no deserto» (2020) e «Desnortada» (2021) dán conta da súa extensa creatividade.

Como en boa parte dos seus proxectos, «De centeo e durmideiras» tamén conta con senllas dimensións escénicas e audiovisuais nas que a poesía convive coa música e a imaxe.

August 10 2024

Detalles

Comienzo: August 10, 2024, 7:00 PM
Fin: August 10, 2024, 8:00 PM
Dirección: Xardíns de Méndez Núñez

Sede

Feira do Libro da Coruña

+ Google Map