FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: JOSÉ RAMÓN ALONSO E LUCÍA COBO PRESENTAN “OSA”

FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: JOSÉ RAMÓN ALONSO E LUCÍA COBO PRESENTAN “OSA”

O sábado 3 de agosto, a partir das 18:30 horas, a Feira do Libo da Coruña acollerá a presentación de «Osa», con texto do científico e divulgador José Ramón Alonso e ilustracións da a artista plástica Lucía Cobo. Neste encontro, ambos os autores estarán acompañados polo músico Álex Fente e a narradora Sara Lebedinsky.

«Osa» achega unha ollada orixinal arredor da maternidade, mesturada co ciclo da natureza a través das estacións. O texto, breve e poético, contrasta coa forza expresiva das imaxes: primeiros planos que resaltan a fisionomía monumental da protagonista; o detallismo nos trazos, nos matices cromáticos e nas texturas; o dinamismo das imaxes e a representación do paso do tempo.

Reforzando o lirismo das palabras, destacan especialmente as metáforas visuais: o valor simbólico das pegadas que envolven a obra, a anatomía de Osa integrada na paisaxe e o paralelismo entre a primavera e a maternidade incipientes. Velaí o agromar da vida, cerna deste fermoso libro que sitúa as lectoras e os lectores ante as sensacións dunha criatura tan poderosa como entrañable.

José Ramón Alonso é catedrático de Bioloxía Celular na Universidade de Salamanca, da que foi reitor, alén de investigador posdoutoral e doutor honoris causa por outras universidades de Europa e América. Publicou numerosos libros e artigos e posúe varios dos principais premios de divulgación científica de España.

De orixe lucense mais afincada na Coruña, Lucía Cobo estudou Enxeñaría e, logo de traballar uns anos como deseñadora gráfica, titulouse en Ilustración na Escola Pablo Picasso, ampliando a súa formación cun Máster en Álbum Ilustrado. Ademais de ilustrar libros, tamén imparte obradoiros para público infantil e adulto. Recibiu unha mención de honra no V Catálogo Iberoamericano de Ilustración (2014), entre outros recoñecementos. «Osa» é o seu segundo título en KALANDRAKA, tras ilustrar o poemario «Continente animal».

August 3 2024

Detalles

Comienzo: August 3, 2024, 6:30 PM
Fin: August 3, 2024, 7:30 PM
Dirección: Xardíns de Méndez Núñez

Sede

Feira do Libro da Coruña

+ Google Map