ENCONTRO COA ILUSTRADORA TERESA NOVOA EN WELLS LIBROS

ENCONTRO COA ILUSTRADORA TERESA NOVOA EN WELLS LIBROS

A libraría Wells (Praza do Arco, 5) de Cangas acollerá mañá, a partir das 20:30 horas, un encontro coa ilustradora Teresa Novoa. Nacida en Madrid, ten raíces galegas e vinculación co Morrazo, onde pasa a tempada estival. O mestre e escritor Xosé Manuel González ‘Oli’ conversará con ela arredor do seu proceso creativo e da súa obra máis recente, o poemario «Versos de calendario», publicado por KALANDRAKA con textos de Juan Carlos Martín Ramos.

Precisamente, as ilustracións de Teresa Novoa para este libro destacan polo carácter onírico, as referencias a personaxes dos contos e o tratamento cromático, que acompaña os versos a través do tránsito polas estacións, cun gran protagonismo da natureza. Así, «Versos de calendario» é un percorrido polo ciclo do ano, unha ollada nostálxica á memoria da nenez e unha homenaxe á literatura a través de grandes figuras das letras como Federico García Lorca, Antonio Machado, Jorge Luis Borges, Blas de Otero ou Ángel González.

A traxectoria de Teresa Novoa comeza na década de 1980 mentres estudaba na Escola Superior de Arquitectura, carreira que acabou abandonando para dedicarse a debuxar. Dende entón traballa como ilustradora, aínda que ten publicado libros cos seus propios textos. A súa obra tamén está presente en países como México, Xapón, Corea ou Alemaña. Ten recibido o Premio A la Orilla del Viento (1999), o Premio CCEI de Ilustración (2005 e 2007)), o Premio Invenciones (2010) en México e forma parte das listas The White Ravens e Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes do Banco do Libro de Venezuela, ademais participar en varias edicións da mostra de ilustradores da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

August 10 2023

Detalles

Comienzo: August 10, 2023, 8:30 PM
Fin: August 10, 2023, 9:30 PM
Dirección: Praza do Arco, 5. Cangas do Morrazo

Sede

Wells Libros

+ Google Map