CHÉVERE CELEBRA OS SEUS 35 ANOS CUNHA EXPOSICIÓN NA SALA ÁRTIKA DE VIGO

CHÉVERE CELEBRA OS SEUS 35 ANOS CUNHA EXPOSICIÓN NA SALA ÁRTIKA DE VIGO

A Sala Ártika de Vigo (Beiramar, 113) acollerá a partir deste venres 14 de abril e ata o 29 de xuño a exposición «Materiais para un arquivo da cultura submarina. Sala Nasa (1999-2011)». A mostra contén unha escolma de documentos que testemuñan os vinte anos de actividade deste espazo de encontro cidadán, un escenario aberto ás novas expresións da sociedade creativa e un instrumento de axitación cultural que conectou Compostela con axentes intelectuais de moitos outros lugares. Na inauguración da exposición, a partir das 20:00 horas e con entrada libre, tamén se van presentar os libros «O Navegante: unha viaxe a bordo da Sala Nasa» e «Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural», publicado na Biblioteca de Teatro de KALANDRAKA.

Este último volume, finalista nos Premios Follas Novas do Libro Galego nas categorías de Libro de Teatro, Libro Mellor Editado e Iniciativa Bibliográfica, é unha autobiografía que, ao longo de trescentas páxinas, recolle toda a historia do grupo dende a súa creación en 1987. Ademais do diálogo entre as persoas que artellaron o núcleo estable da compañía -Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés-, tamén conta cun amplo apartado gráfico de fotografías, imaxes de carteis e programas, documentación técnica e inclúe un epílogo escrito polo director da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Roberto Pascual.

 

Xa pola súa segunda edición, «O Navegante» é o primeiro cómic publicado de Tristán Ron Ferreirós, que reflicte nesta obra a súa ollada persoal -sendo un neno que medrou entre as paredes da Sala Nasa- mesturada con elementos fantásticos.

A partir das 20:30 horas proxectarase a película «A viaxe dos Chévere», de Alfonzo Zarauza, que narra o desterro da compañía e a súa loita por manter a liberdade sobre os escenarios, culminada coa concesión do Premio Nacional de Teatro 2014. Fronte á irracionalidade do poder que obrigou o grupo a marchar de Compostela e á volatilidade da acción política, o filme enxalza a cordura das artes e a perdurabilidade do traballo creativo. Durante varios meses, o cineasta e un reducido equipo acompañaron a compañía teatral nos seus ensaios en Teo da obra “Ultranoite no País dos Ananos”. A ese labor documental únese o arquivo audiovisual da Sala Nasa dende a súa creación en 1992 ata a súa desaparición en 2011.

O encontro rematará cun coloquio e coa sinatura de exemplares das obras presentadas.

April 14 2023

Detalles

Comienzo: April 14, 2023, 8:00 PM
Fin: April 14, 2023, 10:00 PM
Dirección: Beiramar, 113. Vigo

Organizer

Organizador: Grupo Chévere

Sede

Sala Ártika, Vigo

+ Google Map