BONIFACE OFOGO E MARC TAEGER EN WELLS (CANGAS)

BONIFACE OFOGO E MARC TAEGER EN WELLS (CANGAS)

«O elefante que perdeu o seu ollo» é o terceiro libro do narrador camerunés Boniface Ofogo no catálogo de KALANDRAKA, tras «O león Kandinga» e «A paso de tartaruga». Trátase de contos tradicionais africanos que veñen transmitíndose de xeración en xeración dende tempo inmemorial. A libraría Wells (Praza do Arco, 5) de Cangas acolle este sábado día 25, a partir das 12:30 horas, un encontro co autor, acompañado polo ilustrador desta nova obra, Marc Taeger.

O protagonista da historia acostumaba a quitarse un ollo para xogar con el como se fose unha pelota. Un día lanzouno tan alto que acabou caendo ao río e, como non conseguía atopalo, perdeu completamente os nervios. Canto máis se axitaba, máis difícil lle resultaba encontrar o seu ollo, ata que unha nena que o observaba axudouno a dar coa solución. «O elefante que perdeu o seu ollo» aborda a importancia de manter a calma para afrontar situacións difíciles.

O autor atópase esta semana en Galicia, con actividades programadas en centros escolares das bisbarras do Sar, do Barbanza, do Salnés e do Morrazo.

A última xornada da súa estadía será en Cangas. Boniface Ofogo e Marc Taeger ofrecerán unha sesión especial de contacontos e ilustración en Wells Libros, aberta a público infantil e familiar.

Boniface Ofogo procede dunha aldea do interior de Camerún. Estudou Filoloxía Hispánica. Foi mediador intercultural no Concello de Madrid e, dende 2005, dedícase a percorrer escolas, bibliotecas e centros sociais relatando historias. É especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra. Ten actuado por toda España (Maratón de Contos de Guadalaxara, Fórum das Culturas de Barcelona, Festivais de oralidade de Xaca e Elx) e numerosos países: Francia, México, Cuba, Brasil, Costa Rica, Colombia, Arxentina, Cabo Verde, Marrocos… Tamén é autor da novela «El imperio de los cautivos», primeira parte dunha triloxía que critica a figura da chamada FrançAfrique e a pervivencia dos grandes imperios.

Afincado dende hai anos en Bueu, o artista suízo Marc Taeger ten publicados unha ducia de libros en KALANDRAKA. Por «A verdadeira historia de Carapuchiña», recibiu o Premio Daniel Gil 2005 nas categorías de ilustración e deseño. Tamén se dedica a realizar pintura mural, escultura e animación. Expuxo a súa obra en Luxemburgo, Alemaña, China, Francia e Costa Rica, entre outros países.

May 25 2024

Xehetasunak

Hasi: May 25, 2024, 12:30 PM
Amaiera: May 25, 2024, 1:30 PM
Helbidea: Praza do Arco, 5. Cangas do Morrazo

Sede

Wells Libros

+ Google Map