A ILUSTRADORA LUCÍA COBO PRESENTA "OSA" NO GALGO AZUL DA CORUÑA

A ILUSTRADORA LUCÍA COBO PRESENTA

KALANDRAKA vén de recuperar no catálogo dos Libros para soñar o primeiro álbum da ilustradora Lucía Cobo. «Osa», con texto do científico e divulgador José Ramón Alonso, aborda o ciclo da natureza e o ciclo da vida, que se funden nunha tenra historia. O Galgo Azul (Avenida Gramela, 16-18) da Coruña acolle mañá xoves, a partir das 18:00 horas, un encontro con Lucía Cobo, que impartirá un taller de plástica creativa para nenas e nenos a partir de tres anos. Vaina acompañar a mestra Ana Abelenda, que combinará a narración da obra con cantos e ditos da tradición oral. A actividade enmárcase na programación da Festa dos Libros que organiza este espazo cultural situado no barrio de Agra do Orzán.

«Osa» achega unha ollada orixinal arredor da maternidade, mesturada co ciclo da natureza a través das estacións. O texto, breve e poético, contrasta coa forza expresiva das imaxes: primeiros planos que resaltan a fisionomía monumental da protagonista; o detallismo nos trazos, nos matices cromáticos e nas texturas; o dinamismo das imaxes e a representación do paso do tempo.

Reforzando o lirismo das palabras, destacan especialmente as metáforas visuais: o valor simbólico das pegadas que envolven a obra, a anatomía de Osa integrada na paisaxe e o paralelismo entre a primavera e a maternidade incipientes. Velaí o agromar da vida, cerna deste fermoso libro que sitúa as lectoras e os lectores ante as sensacións dunha criatura tan poderosa como entrañable.

De orixe lucense mais afincada na Coruña, Lucía Cobo estudou Enxeñaría e, logo de traballar uns anos como deseñadora gráfica, titulouse en Ilustración na Escola Pablo Picasso, ampliando a súa formación cun Máster en Álbum Ilustrado. Ademais de ilustrar libros, tamén imparte obradoiros para público infantil e adulto. Recibiu unha mención de honra no V Catálogo Iberoamericano de Ilustración (2014), entre outros recoñecementos. «Osa» é o seu segundo título en KALANDRAKA, tras ilustrar o poemario «Continente animal».

April 18 2024

Detalles

Comienzo: April 18, 2024, 6:00 PM
Fin: April 18, 2024, 7:00 PM
Dirección: Avenida Gramela, 16. A Coruña

Sede

Espazo Cultural Galgo Azul, A Coruña

+ Google Map