23º ANIVERSARIO DE LIBROS PARA SOÑAR

23º ANIVERSARIO DE LIBROS PARA SOÑAR

A libraría LIBROS PARA SOÑAR (Triunfo, 1) de Vigo celebra o seu 23º aniversario este martes, no Día do Libro, cunha sesión de contacontos co lema “Bechos, bechiños e outros contiños”. A actividade, dirixida a nenas e nenos a partir de tres anos, enmárcase na programación da Semana especial do libro, que se completa o venres 26 cun obradoiro de collage dirixido polo ilustrador Marc Taeger.

A sesión de contacontos do 23 de abril comeza ás 18:00 horas coa participación das catro libreiras de LIBROS PARA SOÑAR: Belén, Carmela, Sandra e Zeltia. No repertorio non faltarán personaxes clásicos e actuais da Literatura Infantil e Xuvenil entre a abundante fauna que protagoniza as historias das que se nutre a infancia: contos tradicionais, obras de autores emblemáticos que, como Eric Carle, Leo Lionni, Tomi Ungerer ou Shel Silverstein, lles dedicaron parte da súa bibliografía, e autoras e autores contemporáneos que modernizaron o xénero da fábula.

Ademais, como é tradicional nesta data conmemorativa, LIBROS PARA SOÑAR aplicará un 10 por cento de desconto en todas as compras.

OBRADOIRO DE COLLAGE

A Semana especial do libro tamén inclúe o taller “Collage de animais” co ilustrador suízo -afincado no Morrazo- Marc Taeger, o venres 26 a partir das 18:30 horas. As nenas e os nenos poderán crear criaturas de todo tipo -domésticas e salvaxes; acuáticas, voadoras ou terrestres; autóctonas ou exóticas…- feitos con pezas de papel de distintas formas, cores e texturas.

Marc Taeger estudou deseño gráfico e ilustración en Barcelona e na FH de Trier (Alemaña). Traballa como ilustrador e deseñador, especializado en animación, pintura, mural, escultura e arte gráfica. Expuxo a súa obra en Luxemburgo, Alemaña, China, España, Francia e Costa Rica. Recibiu o Premio Daniel Gil 2005 polas ilustracións e o deseño de «A verdadeira historia de Carapuchiña», publicado por KALANDRAKA. Nesta mesma editorial seguíronlle os álbums «Aquiles o puntiño», «Elefante comellón», «Garavanciño», «Artur», «Un máis», «O elefante que perdeu o seu ollo», o poemario «Ciudades» e os libro-discos «Extra!» e «Tic-tac», aos que se acaba de sumar «Son animal».

A celebración deste taller enmárcase nun programa de promoción da lectura que conta co apoio do Ministerio de Cultura e Deportes a través do Plan de Fomento da Lectura 2021-2024.

April 23 2024

Detalles

Comienzo: April 23, 2024, 6:00 PM
Fin: April 23, 2024, 6:45 PM
Dirección: Triunfo, 1. Vigo

Sede

Libros para soñar, Vigo

+ Google Map