Escolas na e coa natureza

Martel, Corine Wagnon, Sylvain Traducción: Soto, Isabel

Un manual pedagóxico que sitúa a educación na e coa natureza como eixe transformador para repensar a escola e a formación da cidadanía. Fotografía de cuberta de VICENTE BLANCO

«Escolas na e coa natureza» publicouse orixinalmente en 2022 na colección Pédagogies da editorial ESF Sciences Humaines que dirixe o prestixioso profesor e investigador Philippe Meirieu, especialista en Ciencias Sociais e autor de «Carta a un profesor mozo». nesta Biblioteca de Pedagoxía. Fronte a un ensino que promovía que as clases se impartiran nun espazo cuberto para evidenciar o tamaño do adulto en relación co alumnado, este libro propón o contrario: levar a natureza á escola, acompañar as nenas e os nenos no seu descubrimento do mundo, animalos a observalo e describilo, facer hipóteses e experimentar, comprender a fonda solidariedade que une os seres humanos e o planeta, e situar o profesorado ante unha misión esencial: “permitirlles ás próximas xeracións darlle un futuro ao seu futuro”, explica o propio Meirieu. 

Os autores afirman que esta tradición pedagóxica —dende Rousseau á Educación Nova, das classes-promenades ás Escolas do Bosque— demostrou con solvencia os seus resultados: a actividade no exterior fomenta a autonomía, a confianza, a atención, a concentración, e beneficia a saúde. Mais advirten que o que onte era útil, hoxe é urxente; un acto de responsabilidade para repensar a escola pública e formar a cidadanía do mañá. 

Fronte á crenza de que “reconectar” coa natureza sucede de forma espontánea, para Martel e Wagnon require unha reflexión didáctica. Nesta obra trazan as claves para quen inicia a súa traxectoria profesional na educación e para docentes en exercicio, destacando os métodos activos de ensino, e por proxectos, para promover o coñecemento científico e a aprendizaxe do enfoque de investigación. Os desafíos ambientais —cambio climático, perda de biodiversidade, contaminación…— deben estar presentes na educación para preparar as transformacións futuras. Noutros países levan décadas actuando en todos os niveis da escolarización; en Galicia cómpre abordalo xa, convertendo a educación na natureza nun reto prioritario. «Escolas na e coa natureza» debulla propostas e ferramentas prácticas, viables e adaptables ao sistema educativo público para que o profesorado impulse esa “revolución” no exercicio pedagóxico a través de proxectos educativos que fomenten a curiosidade, o pensamento crítico, a ecocidadanía e a xustiza social.

Leer más
Leer menos
19,00 €

Otros idiomas: