Elas

Neste libro descubrirás a relación que manteñen as femias dalgunhas especies con outros membros do grupo e como, en moitos casos, chegan a liderar a manda.

Esta obra de Xulio Gutiérrez ilustrada por Lucía Cobo recompila 16 animais -mamíferos, aves, insectos, criaturas mariñas- cuxa singularidade asombra e marabilla pola determinación das súas accións para garantir a supervivencia do grupo. Na fauna dos distintos continentes hai algunhas especies que viven en sociedades matriarcais onde as femias lideran e gobernan a manda. No mundo dos humanos, eminentemente patriarcal, con grandes desigualdades e fendas de xénero, «Elas» amósanos que outra forma de ser e de existir é posible. 

A transmisión do coñecemento das candorcas maiores ás crías, o tránsito das bonobas adultas a un novo clan, a extrema rivalidade entre as hienas, a poligamia da xacana, a autonomía reprodutiva das formigas granxeiras, a entrega absoluta e o instinto protector das femias de polbo e de xabaril, respectivamente, son algunhas mostras deste poderío. A forma de abordalas dista moito dos libros de coñecemento habituais; lonxe dun texto técnico, un relato sinxelo e descritivo achéganos ao estilo de vida de cada especie. 

Xunto con este eficaz recurso narrativo que busca atrapar o interese pola ciencia e pola biodiversidade, as ilustracións destacan polo seu impactante realismo na representación precisa e rigorosa dos animais. Lucía Cobo desliza sutís reminiscencias literarias e suxestivas metáforas visuais: a memoria dos ancestros na pupila da elefanta africana, o peso do rabaño sobre o lombo da femia de bisonte europeo, ou a unión na familia de peixes pallaso do mar Vermello.

Leer más
Leer menos
17,00 €

Otros idiomas: