Cos sinais da auga

Álvarez García, Lourdes Traducción: Rodríguez Baixeras, Xavier

Antoloxía en edición bilingüe dunha das voces máis destacadas da poesía asturiana. Versos de forte carga simbólica, alicerzados nas raíces familiares e nas paisaxes da infancia.

Poeta cunha voz única e singular, Lourdes Álvarez é unha das figuras máis senlleiras do “Surdimientu” que entende a poesía como unha vía para “conmover, mover a intelixencia e as emocións”.


Aínda que os seus primeiros poemas publicáronse na revista do colectivo Adréi canda autores como Berta Piñan, Xuan Bello e Antón García, a súa obra ten pouco que ver coa lírica daquel grupo que apostaba por unha poética realista. Lourdes Álvarez parte dunha evocación da realidade e das experiencias vividas, mais derivando cara a unha poética de tipo simbolista, rica en imaxes abstractas, oníricas e surrealistas, cunha feitura moito máis complexa, apreciándose unha subxectividade case íntima entre linguaxe e emoción estética. Así, a lingua asturiana forma parte inseparable da experiencia evocada polo personaxe poético. 


O seu mundo organízase arredor da contraposición entre pasado e presente, o discorrer da vida. É unha poesía “en e do tempo”, sostén Elena de Lorenzo, profesora da Universidade de Oviedo e especialista na súa obra. Nesa contraposición imponse sempre a realidade pasada: o regreso á súa orixe, tanto na paisaxe rural da infancia e da mocidade como, de xeito especial, nas raíces familiares –o que a poeta chama «a casa dos pais»– e o redescubrimento da lingua natal. Pola contra, a realidade actual é o tempo do desamor, da ausencia. Arredor desa dicotomía aparecen sinais de identidade de tipo surrealista, recorrentes e que revelan a universalidade temática da súa obra: o regreso á natureza, a reivindicación da condición feminina, o mar, a noite, o atardecer, o inverno… 


Xavier R. Baixeras explica no limiar que na lectura desta antoloxía bilingüe en asturiano e galego apréciase “o pudor do silencio, a profundidade da imaxe, a honestidade da palabra”. Ese clima onírico e cunha forte carga simbólica –que abrolla na autora ante as dúbidas existenciais no instante da escrita– require unha lectura atenta para asimilar todos os seus matices. Poderase así ir desentrañando a auténtica identidade dun eu lírico que avanza entre o magma propio do pulo creador e un ritmo de estraña fascinación.

Leer más
Leer menos
15,00 €