XX CAMPAÑA MUNICIPAL DE ANIMACIÓN Á LECTURA DO CONCELLO DE SANTIAGO

«Ler para crecer» é o lema da XX Campaña Municipal de Animación á Lectura que se celebrará do 9 de febreiro ao 12 de marzo, organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago en colaboración con Kalandraka e con Afundación Santiago. A sede desta institución, no número 19 da rúa do Vilar, acollerá actividades de balde dirixidas fundamentalmente ao alumnado de educación infantil e primaria, ao profesorado e ás familias.

«Grande e pequena», a obra de Arianna Squilloni e Raquel Catalina distinguida co XVIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, será o eixe da programación. Tamén compartirán ese protagonismo os libros galardoados dende o ano 2019: «O can de Milu» de Mariann Máray, «Dende 1880» de Pietro Gottuso, «Selva» de Marina Gibert, «Esperando o amencer» de Fabiola Anchorena, «A visita» de Núria Figueras e Anna Font, e «Bim Bam Bum» de Maria Girón.

Tras sete anos dunha paréntese que tivo a súa orixe na pandemia de coronavirus, a Campaña Municipal de Animación á Lectura retómase cunha grande exposición de ilustracións e de elementos tridimensionais creados a partir destes sete álbums. A mostra estará aberta ao público —fóra das actividades para escolares e familias— de luns a sábado de 13:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.

Na presentación celebrada no Pazo de Raxoi, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, salientou precisamente que se trata dunha “campaña moi querida” polo persoal docente, que lle ten trasladado os “parabéns” por retomar esta iniciativa que pretende “achegar a lectura, a ilustración e a escritura nun marco agradable e motivador”, en lingua galega. A este obxectivo súmase que as nenas e nenos “vexan a lectura como unha actividade pracenteira, marabillosa e apaixoante e que saiban dende ben pequenos que ler fainos medrar e fainos libres” a través da imaxinación.

Ao longo dun mes, a sala de exposicións de Afundación vaise converter nun “pequeno museo” para que as nenas e os nenos gocen das sesións de contos e música e das visitas guiadas. O Departamento de Educación rexistrou xa 3.000 inscricións nunha programación que, en edicións anteriores, chegou a máis de 5.000 persoas, dando conta así de que se trata dunha actividade “moi demandada”. Ademais, ao “propiciar espazos agradables e lugares de encontro arredor do libro”, o Concello de Santiago pretende “darlles ferramentas ás familias” para que as repliquen “nas casas”.

[A directora editorial de Kalandraka, Manuela Rodríguez, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, e a xefa do Dpto. de Educación, Beatriz Varela]

 

Esta Campaña é unha extensión do traballo de animación á lectura que desenvolve Kalandraka ao longo do ano en toda Galicia, como explicou a directora editorial, Manuela Rodríguez, que supón que neste tempo os esforzos estean “centrados en Compostela”.

A variedade caracteriza os sete Premios Internacionais Compostela expostos, tanto pola procedencia das autoras e dos autores como polas temáticas que abordan —dende a natureza á historia contemporánea, pasando polo xogo, a memoria dos maiores, a arte ou a introspección—, contribuíndo á educación integral da infancia. “Porque un bo álbum é para todos os públicos, tamén para as nenas e os nenos”, afirmou Manuela Rodríguez. Nesta mostra, o alumnado poderá admirar tanto ilustracións orixinais dos libros galardoados como elementos tridimensionais elaborados expresamente para esta ocasión polo equipo de deseño de Kalandraka.

E ademais da educación literaria e plástica que lles achega a participación na Campaña, engádese a educación patrimonial: a Casa Grande do Pozo é o enclave histórico onde se desenvolven as actividades. Á súa chegada a este edificio, os escolares reciben unha ficha elaborada polo departamento didáctico de Afundación que afonda na orixe da distribución da auga na contorna dende o medievo e nas transformacións que foi experimentando este espazo nos últimos séculos.

A XX Campaña de Animación á Lectura comezará este vindeiro luns coas visitas matinais diarias das nenas e dos nenos de educación infantil, primeiro e segundo de primaria que van participar nas sesións de contacontos con música, realizadas por Paco Nogueiras.

O alumnado de terceiro e cuarto de primaria asistirá aos obradoiros de ilustración que impartirá o artista plástico Xosé Cobas a través do libro «Cadros dunha exposición», arredor de como ilustrar a partir da música. Tamén haberá talleres de escrita creativa co autor Chisco Fernández Naval, dirixidos aos rapaces e rapazas de quinto e sexto de primaria, co libro «Os contos da avoa Pepa» como fío condutor para compatir a memoria entre maiores e pequenos.

Trala intervención plástica do ilustrador Óscar Villán nas escolas infantís de Santiago o pasado mes de decembro e a charla de presentación da Campaña ao profesorado celebrada o 14 de xaneiro, o persoal docente e os profesionais de mediación lectora poderán gozar dun percorrido guiado á exposición o martes día 10, a partir das 18:30 horas.

Ademais, programáronse varias actividades de balde para familias, con inscrición previa a través do enderezo de correo electrónico [email protected]: o sábado 14 de febreiro ás 11:30 e ás 12:30 horas haberá sesións de contos para bebés arredor da colección de prelecturas «Do berce á lúa», de Antonio Rubio e Óscar Villán.

Os sábados 21 e 28 de febreiro, ás 12:00 horas, Paco Nogueiras conducirá senllas sesións de contacontos con música para familias. O sábado 7 de marzo á mesma hora, desenvolverase unha sesión inclusiva de contos que, neste caso, contará coa colaboración das intérpretes de En lingua de signos.