MARIBEL LONGUEIRA, IN MEMORIAM

A luz e a fotografía van da man e a artista plástica Maribel Longueira fixo de ambas a súa canle de expresión. A través da súa mirada e da súa óptica persoal puidemos admirar -tanto nas súas numerosas exposicións como en diversos libros e intervencións creativas- como se deita o sol no horizonte, a cultura tradicional do mar na Costa da Morte ou distintos aspectos do patrimonio histórico, natural e paisaxístico. A súa obra non só serviu para sementar beleza e sensibilidade, senón para posicionar o seu firme compromiso coa defensa da terra, das persoas vulnerables, da xustiza social.

A palabra sincera, espontánea e reivindicativa; a ollada curiosa e pícara, a capacidade para sentir abraio e marabilla, a poesía e a amizade como principio e fin dun camiño que a uniu para sempre á escritora Luisa Villalta a través das páxinas do “Papagaio”…

O pasamento de Maribel Longueira causou un fondo pesar na comunidade literaria, artística e cultural. A luz do solpor perde unha grande admiradora, que xa habita nas raiolas da nosa memoria.