"LABIRINTO", THE WHITE RAVENS 2025
«Labirinto. Diario de viaxe dun artista monocromo», do autor e ilustrador vigués Ramón Trigo, e publicada por Kalandraka, é unha das 215 obras de literatura infantil e xuvenil seleccionadas pola Fundación da Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich na prestixiosa lista The White Ravens 2025. As obras escollidas están en 49 linguas procedentes de 63 países, sendo «Labirinto» a única en galego.
A selección The White Ravens 2025 presentarase o vindeiro 15 de outubro na xornada inaugural da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que se celebrará ata o domingo 19. Os Libros para soñar de Kalandraka -incluído «Labirinto»- estarán no espazo da Asociación Galega de Editoras, dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España.
O comité de expertos da Biblioteca Internacional de Xuventude cualifica «Labirinto» como un libro “impresionante” e “de gran beleza” que xurdiu das notas e dos bosquexos realizados por Ramón Trigo durante unha viaxe a Nixeria, onde colaborou cun grupo diverso de artistas locais. Do choque cultural que lle causou unha fonda impresión xorde esta historia onde “se difuminan os límites entre a experiencia e a ficción”, argumentan na xustificación deste recoñecemento.
“O texto é conciso e a linguaxe, vívida e metafórica, ao describir, por exemplo, lugares reais como espazos labirínticos que o artista experimenta con todos os seus sentidos, onde se perde e atopa”, engade a valoración, que tamén destaca a variedade de técnicas e o “papel central” da paleta cromática utilizada “para crear as expresivas imaxes, nas que se aprezan claramente pinceladas amplas, texturas e capas”.

Así, o protagonista de «Labirinto» é un alter ego do autor que, de traballar fundamentalmente con cores escuras, pasa a expresarse nesta obra cun amplo abano de intensas cores que remiten a un océano axitado e unha terra exuberante chea de misterios, reflectindo a súa “transformación interior”.
Aínda que Ramón Trigo xa contaba con dous títulos incluidos nos catálogos The White Ravens na súa faceta como ilustrador, este é o seu primeiro libro como autor integral que acada este recoñecemento pola súas “calidades literarias e plásticas”. A “relevancia universal dos temas que abordan, o seu enfoque ou deseño innovadores” son outros criterios dos especialistas da Biblioteca Internacional da Xuventude para guiar a súa escolla.
Ademais da presentación da bibliografía na próxima Feira Internacional do Libro de Frankfurt, os libros seleccionados na lista The White Ravens 2025 vanse expoñer no stand da Biblioteca Internacional da Xuventude na próxima Feira Internacional do Libro de Boloña, en abril do próximo ano.