INAUGURACIÓN DA XX CAMPAÑA "LER PARA CRECER"
Co alumnado dos CEIP Monte dos Postes e Lamas de Abade estreouse este luns a XX Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago, co lema “Ler para crecer”. Ao día seguinte as sesións de contacontos continuaron cos escolares dos CEIP López Ferreiro e Ramón Cabanillas. Recibindo e dándolles a benvida aos grupos, Rosa Salgado e Zeltia Pino introducen as nenas e os nenos na dinámica da que van ser protagonistas directos.

Tras deterse uns intres ao carón do pozo que lle dá nome á Casa Grande onde Afundación instalou a súa sede, na céntrica rúa do Vilar, e descubrir a importancia que tivo este enclave para abastecer de auga a poboación da contorna, o son do acordeón de Paco Nogueiras chama a atención das nenas e dos nenos… Unha chea de historias agárdanos no primeiro andar do edificio, onde comeza un percorrido máxico a través das ilustracións das obras que foron distinguidas co Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados nos últimos sete anos, e dos elementos tridimensionais elaborados pola deseñadora de Kalandraka, MariSol García, a partir dos personaxes e dos escenarios onde transcorren eses relatos.

Así, unha enorme criatura azul recibe a rapazada, que non se resiste a aloumiñar ou abrazar o protagonista de “O can de Milu”, da ilustradora húngara Mariann Máray. E dende o territorio da imaxinación e da natureza, a seguinte parada é ante “Dende 1880”, un álbum sen palabras de Pietro Gottuso no que o autor italiano repasa a historia dende finais do século XIX a través dos avances tecnolóxicos e científicos, das modas e das tendencias artísticas, e mesmo dos conflitos bélicos.

E do rigor dos últimos aconteceres no mundo, á musicalidade, ao espírito lúdico e ao canto á amizade que representa “Bim Bam Bum”, de Maria Girón. O percorrido continúa amosándonos a faciana máis dramática do verán, cando os incendios forestais devoran os nosos bosques e a vida que habita neles. Esa anguria ante o efecto devastador das lapas na selva amazónica mobilizou a creatividade da autora peruana Fabiola Anchorena. Canda as impactantes ilustracións deste libro, que tamén recibiu o 1º Premio Nacional 2022 aos libros mellor editados na categoría de literatura infantil e xuvenil, pódese visualizar o booktrailer da obra, dispoñible na canle de televisión dixital Kalandraka TV.

Outra “Selva”, de Marina Gibert, medra nas paredes da sala de exposicións para envolver de misterio unhas imaxes que non son o que parecen. Cómpre abrir os cadros, como se fosen as páxinas do propio libro, para descubrir sorprendentes achados. Como sorprendente é tamén a representación do silencio por parte de Anna Font para “A visita”, con texto de Núria Figueras. O alumnado do CEIP López Ferreiro tivo a oportunidade de escoitar este conto narrado pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que presidiu a inauguración oficial desta XX Campaña Municipal de Animación á Lectura canda a concelleira de Educación, Míriam Louzao; a técnica do Departamento de Educación e coordinadora desta campaña, Beatriz Varela; representantes dos grupos políticos no Concello e Ana Salgado por parte da Obra Social Abanca de Afundación Santiago, xunto coa directora editorial de Kalandraka, Manuela Rodríguez.

A visita institucional rematou na sala onde se imparten os obradoiros de ilustración, con Xosé Cobas animando os escolares a descubrir a diferenza entre arte abstracta e figurativa, entre a representación da realidade e o reto de plasmar graficamente a música. O alumnado do CEIP Apóstolo Santiago e do CEIP de Roxos foron os primeiros en experimentar coas cores, as técnicas e os materiais.
Nese segundo andar da Casa Grande do Pozo a exposición de ilustracións conclúe con “Grande e pequena”, ilustrado por Raquel Catalina a partir das palabras de Arianna Squilloni. Nunha vitrina observamos ilustracións orixinais e bosquexos do proxecto; tamén atopamos unha reproducción a grande escala da casiña de Natalia e, ademais, o cabalete, o lenzo e as pinturas que conforman un sosegado espazo para a inspiración artística. Un recuncho de lectura cunha escolma de títulos das distintas coleccións do catálogo dos Libros para soñar completa a experiencia.

As actividades para os centros de educación infantil e primaria prolongaranse ata o 12 de marzo. Os sábados pola mañá programáronse sesións de contos para as familias, previa inscrición. E tamén o público en xeral pode -fóra do horario dos encontros concertados- visitar este pequeno museo cheo de aventuras para ler e soñar, para ler e crecer...