"A PANADERÍA", PREMIO FOLLAS NOVAS 2026 AO MELLOR LIBRO ILUSTRADO

A panadería”, dos ourensáns Lucía Belarte e David Lorenzo, obtivo o Premio Follas Novas do Libro Galego 2026 ao mellor libro ilustrado, un recoñecemento concedido pola Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e a Federación de Librarías de Galicia. A obra, que xa fora finalista do XVII Premio Internacional Compostela, está ilustrada coa técnica do grafito, resultando unhas espectaculares imaxes en branco e negro, de gran forza comunicativa, e que amplían considerablemente a mensaxe do propio texto, mesmo permitindo prescindir das palabras nalgunha páxina.

Tanto a representación dos animais humanizados que protagonizan o relato, como os escenarios onde transcorre, destacan polo seu extraordinario detallismo, o tratamento da luz, a variedade de planos e perspectivas -unha influencia cinematográfica- e mesmo pistas ocultas -ou easter eggs, no argot artístico- que remiten á obra do debuxante e activista social Keith Haring, entre outras referencias.

“A panadería” conta a historia dunha familia de lobos que, buscando un lugar onde desenvolver o seu oficio como panadeiros e formar parte da comunidade, deixa a cidade para instalarse ás aforas dunha vila. Aínda que non son ben recibidos, os protagonistas tratan de gañar a confianza da poboación. Ante un gran temporal que deixa as rúas e as casas anegadas, a familia de lobos únese a toda a vila para colaborar na limpeza da lameira, un xesto solidario que muda a consideración negativa que lles tiñan.

Tanto Lucía Belarte como David Lorenzo estudaron Belas Artes e Ilustración, e ambos os dous son fundadores e docentes na escola de artes El Atelier, en Ourense. Lucía Belarte ten enfocado a súa traxectoria creativa cara á literatura infantil, mentres que David Lorenzo especializouse como ilustrador de álbum ilustrado, novela xuvenil e cómic. Teñen publicado varios libros, tanto conxuntamente como por separado.