ERIC CARLE, EN GALEGO
Eric Carle naceu en Nova York o 25 de xuño de 1929 e toda a súa vida estivo dedicada á creación artística. É autor de máis de 70 álbums traducidos a numerosas linguas. Polo momento, son dez os títulos que podemos ler en galego.
Comezou a ilustrar libros en 1967, cando o escritor de literatura infantil Bill Martin Jr. pediulle que ilustrara “Oso pardo, oso pardo, que ves aquí?”, unha historia protagonizada por uns curiosos personaxes cos que as nenas e os nenos máis cativos poderán aprender as cores e os nomes dos animais dun xeito moi divertido. Naquel momento era deseñador gráfico no diario The New York Times, logo de traballar durante moitos anos nunha axencia de publicidade.
Os seus inicios non foron doados. Fillo de inmigrantes alemáns, a súa familia voltou na década de 1930 ao seu país de orixe, onde Eric Carle se formou na prestixiosa Akademie der Bildenden Künste, en Stuttgart. En 1952 fixo realidade o seu soño de voltar a Norteamérica, cun portafolio e tan só 40 dólares no peto.

Trala publicación daquel libro inicial, a súa primeira obra de autoría propia foi “1, 2, 3, to the zoo”, de 1968. Seguiulle ao ano seguinte o seu traballo máis icónico, “Unha eiruga moi larpeira”: a historia deste verme colorido e comellón que se transforma nunha fermosa bolboreta xurdiu dun xeito anecdótico, facendo buratos nunha pila de papeis cunha perforadora. Publicouse en 66 idiomas, vendéronse máis de 50 millóns de copias en todo o mundo e recibiu o Premio da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, ademais do recoñecemento do Instituto Americano de Artes Gráficas e da Asociación Americana de Bibliotecas, entre outras distincións.
A natureza -unha afección que lle inculcou o seu pai, que o levaba moito a camiñar polo bosque- e os animais están moi presentes na súa bibliografía, en títulos como “Queres xogar comigo?”, de 1971, que propón o reto de identificar os seus protagonistas pola forma das súas colas. Na granxa transcorre “A araña moi ocupada” (1984), en cuxas páxinas podemos sentir, a través do tacto, como medra o trazo do fío de seda que vai tecendo.

“Un grilo moi silencioso” (1990) é outro dos seus libros máis coñecidos, ideal non só para descubrir diversos tipos de insectos, senón para sorprenderse co efecto sonoro co que remata a historia. “Da cabeza aos pés” (1997) é outra proposta interesante para coñecer as partes do corpo e xogar a imitar os movementos dos distintos animais que aparecen.


Precisamente, cun enfoque lúdico da lectura atopamos títulos tan orixinais como “Papá, por favor, achégame a lúa” (1986), con páxinas despregables nas que se van sucedendo as fases lunares. Un clásico do Nadal, “Soño de neve” (2000), tamén contén lapelas e texturas que converten a lectura nunha experiencia gozosa. E baseado nun recordo da infancia do propio autor nace “Amigos” (2013): tiña tres anos cando lle fixeron unha fotografía -reproducida no libro- abrazando unha nena de orixe italiana nunha beirarrúa da súa cidade natal, Syracuse; tres anos despois Eric Carle mudouse coa súa familia a Alemaña e nunca máis soubo dela.

Ademais destes títulos en galego, no catálogo dos ‘Libros para soñar’ a obra de Eric Carle está presente noutras linguas: en portugués a bibliografía deste grande autor e ilustrador tamén inclúe clásicos como “A pequena semente” (1970), “A mensagem secreta de aniversário” (1977) e “A joaninha resmungona” (1977), canda títulos máis recentes como “Urso-Polar, Urso-Polar, o que estás a ouvir?" (1991), “O pirilampo muito só” (1995), “Urso Panda, Urso Panda, o que vês aqui?” (2003), “O senhor cavalo-marinho” (2004) e “10 patinhos de borracha” (2005).
Tamén en castelán, catalán e éuscaro está dispoñible “El artista que pintó un caballo azul”, publicado en 2011 en homenaxe ao artista alemán Franz Marc (1880-1916), un precursor do expresionismo ao que Eric Carle descubriu grazas ao seu profesor de arte, Herr Krauss, cando o réxime nazi prohibía a creación e a difusión desta vangarda pictórica e cultural.

Velaquí, pois, a transcendencia dun creador xenuino, cun estilo inconfundible e cun método de traballo moi persoal que fixo da técnica da colaxe a súa carta de presentación: facía as súas ilustracións usando o seu propio papel pintado á man como base da súa paleta de cores e texturas, que despois cortaba, rachaba e pegaba en cartolina para elaborar os escenarios e os personaxes das súas historias.