DETALLES

7 noviembre 2026
Inicio: 7 noviembre de 2026 a las 12:00
Lugar: Libraría Abrente, Bueu
Volver al calendario

OLI PRESENTA A SÚA SERIE DOS "RATOS" NO ESTALEIRO DE PURRO, EN BUEU

OLI PRESENTA A SÚA SERIE DOS "RATOS" NO ESTALEIRO DE PURRO, EN BUEU

A serie dos «Ratos» que publica KALANDRAKA acaba de incorporar un novo título, «Ratos no tren», que se suma a «Os ratos da casa», «Ratos na escola» e «Ratos de viaxe». Os seus creadores son o escritor cangués Xosé Manuel González ‘Oli’ e a ilustradora arxentina Natalia Colombo. O autor visitará o Estaleiro de Purro, na Banda do Río de Bueu, o sábado 7 de novembro, a partir das 12:00 horas. Neste encontro, organizado pola libraría Abrente, compartirá coas nenas e cos nenos estas divertidas historias que destacan pola estrutura narrativa a base de estrofas rimadas e palabras encadeadas.   

Con estes relatos para primeiros lectores e lectoras nos que o ritmo potencia a oralidade, Oli achega novas formas narrativas empregando estruturas propias da tradición oral e doutras culturas próximas. A obra coa que comezan estas aventuras, «Os ratos da casa», presenta unha familia de roedores intrépidos e larpeiros que saen do monte na procura de alimento e diversión. 

«Ratos na escola» conta as súas andanzas nun colexio, onde percorren as distintas estancias -dende o ximnasio ata a biblioteca ou a aula de música- facendo algunha falcatruada. «Ratos de viaxe» conta as peripecias dos protagonistas para chegaren á praia a bordo dunha caravana, onde gozan dos xogos na area entre as ondas do mar. Abundando na temática viaxeira, estes novos «Ratos no tren» transcorren entre as distintas dependencias da estación ferroviaria e os espazos dos que consta o tren, entre mochilas, bolsos e maletas. 

Escritor, tradutor e especialista en literatura infantil e xuvenil, Xosé Manuel González dedicouse durante moitos anos á docencia como mestre de Primaria. É co-director da colección «Seteleguas» de KALANDRAKA, editorial na que tamén publicou «Once damas atrevidas», «O pirata Pata de Lata» e «Artur».