DETALLES

6 noviembre 2026
Inicio: 6 noviembre de 2026 a las 18:30
Lugar: Espazo cultural OZOCOgz, O Carballiño
Volver al calendario

CONTACONTOS NO ESPAZO OZOCOGZ DO CARBALLIÑO

CONTACONTOS NO ESPAZO OZOCOGZ DO CARBALLIÑO

O espazo cultural OZOCOgz (rúa Curros Enríquez, 29) do Carballiño adiántase ao Día das Librarías, que se conmemora cada 11 de novembro, cun contacontos dirixido a nenas e nenos a partir de tres anos. O encontro celebrarase o venres día 6 novembro a partir das 18:30 horas e estará conducido pola mestra e narradora Zeltia Pino, de KALANDRAKA. O repertorio de historias terá como protagonistas os animais, os números e as vogais. 

Así, os máis pequenos recoñecerán un dos títulos máis emblemáticos da colección «Do berce á lúa», de Antonio Rubio e Óscar Villán: «Animais» é un sinxelo poema pictográfico ideal para contar e cantar. Gata, Coella, Parrulo e Teixugo son os personaxes que habitan en «Parchís», un álbum de Maria Girón que enxalza a amizade e o xogo compartido. 

De Fernando Pérez Hernando, «Chuvisca» é a historia de catro paxariños e a súa nai cos que, mediante un divertido xogo fónico e de palabras, os cativos descobren as primeiras letras: a, e, i, o, u. Partindo dun conto tradicional, Xosé Manuel González ‘Oli’ crea «Once damas atrevidas», con ilustracións de Helle Thomassen, arredor dunhas intrépidas viaxeiras. E tamén cos números como fío condutor, «Polo camiño», de Mariana Ruiz Johnson, conta do un ao dez da man dunha chea de simpáticos animais que van celebrar unha festa moi especial. 

Con esta actividade para público infantil e familiar, OZOCOgz e mais KALANDRAKA animan a gozar dos libros e da lectura a través de sinxelas melodías e propostas narrativas que achegan as nenas e os nenos a unha ampla bibliodiversidade.