A ganancia e a perda

Versos sobre o que desaparece e o que perdura, reflexión sobre a memoria e o amor, viaxe entre as gratificacións da ganancia e os abismos da perda.Ilustración de cuberta de REBECA LAR

Este libro, como delata o seu título, é froito de dúas pulsións radicalmente opostas nun tempo no que Martín Veiga ía atravesar a vivencia transformativa de converterse en pai por primeira vez -“a ganancia máis fermosa”, en palabras do autor- e a experiencia frustrante de padecer un ataque informático que borrou do seu ordenador -“a violencia ruín da perda”- todos os arquivos de moitos anos de traballo, entre ensaios, traballos académicos, poemas, anotacións, fotografías... Diso xurdiu, cunha xestación creativa aproximada de nove meses, a escrita conmocionada de «A ganancia e a perda», unha obra que foi concibida como unha secuencia de poemas de catorce versos (case falsos sonetos) escritos “dende a lembranza, a evocación, a complicidade ou o diálogo con outras persoas”, e que inclúen sempre as palabras ganancia e perda.

Finalmente, o libro -dividido en seis capítulos que se acompañan con citas de poetas como Ezra Pound, José Ángel Valente, Sylvia Plath…- é unha reflexión sobre o que desaparece e o que queda, un tratado moral sobre a memoria e o amor, e unha viaxe entre as gratificacións da ganancia e os abismos da perda.

Meditación, tratado e viaxe das que se pode aventurar, con T. S. Eliot, en certa maneira anxo tutelar desta obra: «All shall be well, and / All manner of thing shall be well». É dicir: todo irá ben, de todas as maneiras todo irá ben.
Leer más
Leer menos
15,00 €