A batalla de Occidente

Vuillard, Éric Traducción: Antía Veres

No centenario do Tratado de Versalles, unha novela en clave histórica e política sobre a cerna da Gran Guerra en Europa: unha carnicería sen precedentes que levou a todo un continente ata o bordo do abismo. Ilustración de cuberta de ADRIÀ FRUITÓS

O 28 de xuño de 1919, na Galería dos Espellos do Palacio de Versalles, asinouse o tratado que puxo fin á I Guerra Mundial. Cumpríanse cinco anos do atentado de Saraxevo no que fora asasinado o arquiduque Francisco Fernando, que foi o detonante da Gran Guerra. O acordo entrou en vigor o 10 de xaneiro de 1920. Éric Vuillard narra o atentado con mestría, dende unha perspectiva histórica e política; mais tamén describe os inicios da Batalla de Occidente, as ambicións dos estrategas militares, as trincheiras convertidas en xigantescos cemiterios, as chairas cubertas polo gas mostaza, as cidades arrasadas, a orixe dos campos de prisioneiros... O relato de momentos íntimos protagonizados polos que sufriron a contenda, coa descrición de escenas épicas e conmovedoras, forman un detallado mosaico da Gran Guerra en Europa.

Unha Europa que entraba na Modernidade baixo o ruído dos canóns e das bombas aéreas. Neste escenario naceron as grandes fortunas capitalistas, pero tamén a primeira revolución socialista. Non obstante, ante todo, a Batalla de Occidente foi unha carnicería sen precedentes -preludio da absoluta barbarie- que acabou provocando a caída de varios imperios.

O estratega alemán Alfred von Schlieffen, o mariscal francés Ferdinand Foch, o canceler Otto von Bismarck ou Gavrilo Princip -que asasinou o herdeiro do imperio austro-húngaro e a súa muller, a duquesa Sofía Chotek- non son simples personaxes de papel, senón figuras de carne e óso que Vuillard sitúa no plano do persoal.

Os textos resaltan polo esmerado traballo narrativo cunha rica linguaxe, inspiradora e incisiva; tan demoledora como os efectos dos bombardeos que asolaron Europa en cada fronte bélica, levando un continente enteiro ao bordo do abismo. E malia o ton crítico e amargo, esta novela antóllase tamén intensa, sarcástica, amena e sensible, porque o autor é quen de tocar na mente e no corazón dos lectores. Con todo, Vuillard comparte o seu pouso de incerteza, de sentimento inacabado, en tanto parte dos enigmas da historia seguen aínda na penumbra.
Leer más
Leer menos
17,00 €